Mos | “Gran noticia para Mos, para o emprego e a economía local. Para o futuro de Mos, en definitiva”. Así se refería a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, á sentenza favorable aos empresarios de Monte Faquiña, cuxo fallo obriga á Comunidade de Montes de Tameiga a prorrogar o canon en vigor de cada un dos contratos das empresas durante outros 25 anos, ao tempo que condea a esta Comunidade de Montes en Man Común á imposición das costas causadas.
Na sentenza faise referencia explícita e literalmente a que para este fallo foi “meridianamente clara a declaración da alcaldesa de Mos”, moi contundente na súa declaración como testemuña.
Precisamente Nidia Arévalo declara a este respecto que “era de xustiza para os empresarios, e necesario para Mos, que eu acudise a declarar neste xuízo en calidade de testemuña”.
A rexedora local felicitou aos empresarios, deulles a noraboa e transmitiulles que “o Concello de Mos está satisfeito e, aínda que cabe recurso, este é un motivo de esperanza e o primeiro paso para a consolidación dos máis de 700 postos de traballo que estaban en perigo; e para preservar o patrimonio desta parte do empresariado mosense, no que levan investido máis de 20 millóns de euros en 10 anos”. “É unha gran noticia para o futuro de Mos, para o emprego e para a nosa economía local”, concluiu Arévalo.