O pasado 30 de decembro, o Gran Rabino de Moscova, Pinchas Goldschmidt, exiliado en Israel desde marzo pasado, pediu aos xudeus residentes nese país “fuxir de Rusia” antes de que se convertan en “chivos expiatorios das dificultades causadas pola guerra na Ucraína”.
As advertencias do rabino non son irrelevantes. Goldschmidt ocupou este cargo na capital rusa desde 1993. Agora, tras criticar a invasión militar a Ucraína iniciada o pasado 24 de febreiro, alerta sobre a situación que presuntamente está a vivir a comunidade xudea no país euroasiático. Segundo Goldschmidt, “estamos a viver un crecente antisemitismo a medida que Rusia regresa a un novo tipo de Unión Soviética e, paso a paso, ao Pano de Aceiro que se está levantando de novo”. Non obstante as súas advertencias, o rabino tamén recibiu críticas por parte dalgúns membros da comunidade ruso-xudea.
A Axencia Xudea, organización que axuda á comunidade hebrea a nivel mundial, afirmou a mediados de 2022 que, desde marzo, marcharon de Rusia un total de 20.500 dos 165.000 xudeus que se calcula viven nese país. Isto é, cando menos, un de cada oito xudeus rusos. Hoxe xorden informacións sobre presuntas presións por parte do Kremlin para pechar as actividades da Axencia Xudea en Rusia, un factor que alimentaría o éxodo de xudeus cara países como Israel, Xeorxia ou Armenia, entre outros.
“Non estamos observando unha gran vaga de antisemitismo (en Rusia)”
A priori, todas estas informacións darían a entender sobre unha eventual vaga de antisemitismo crecente na Rusia actual. En declaracións á BBC realizadas en xuño pasado, Anna Shternshis, profesora de estudos de yiddish (lingua hebrea de orixe alemán moi común en Europa Oriental) na Universidade de Toronto e especialista en historia xudea en Rusia, considerou que “non estamos observando unha gran vaga de antisemitismo”; toda vez advertiu que, historicamente, cada vez que ocorre axitación e cambios en Rusia, “os xudeus sempre están en perigo”.
En declaracións ao diario británico The Guardian, o propio Goldschmidt fixo man da historia: “cando miramos atrás na historia rusa, cada vez que o sistema político estivo en perigo, viuse ao goberno tentando redirixir a ira e o descontento das masas cara a comunidade xudea. O vimos na era zarista e ao final do réxime estalinista”. Asegurou que, no contexto actual, “os líderes comunitarios xudeus foron hostigados para apoiar a guerra en Ucraína”.
Unha turbulenta historia
Con máis de dous séculos (desde o s. XVII) de convivencia e unha notable pegada na súa vida cultural, relixiosa, social e política, Rusia ten unha turbulenta historia de relación coa súa comunidade xudea. Esta historia da conta de episodios violentos, con brotes de antisemitismo en momentos de crises políticas ou de final de ciclo dun determinado réxime.
Entre 1880 e 1920 foron notorios os tristemente famosos progromos (literalmente do ruso погром que significa “devastación”), linchamientos populares presuntamente espontáneos contra comunidades de xudeus pero minuciosamente premeditados tanto poder. Isto estivo presente tanto durante o réxime zarista como polos “rusos brancos”, os nacionalistas e nostálxicos do zarismo, entre outros, que loitaron contra os bolcheviques durante a guerra civil rusa (1917-1921) Un foco importante destes progromos foron as cidades de Odessa, actualmente en Ucraína, e Kishishev, actual capital de Moldavia, historicamente centros culturais e económicos hebreos en Europa Oriental. Compre aclarar que os progromos non son autoría exclusivamente rusa, xa que na Europa medieval tamén foron notorios os ataques antisemitas en Alemaña, España, Inglaterra e Francia.
A finais do s. XIX, o zarismo aplicou a denominada Zona de Asentamento nos límites occidentais do imperio ruso, o que hoxe son Bielorrusia, Ucraína e Polonia e repúblicas bálticas como Lituania e Letonia, coa intención de “reasentar” aos xudeus, o que ven sendo unha deportación encoberta. Neses territorios viveiro de marxinalidade socioeconómica e descontento naceu un primeiro movemento político hebreo, a Unión Xeral de Traballadores Xudeus, mellor coñecido como Bund.
A tal punto chegou este nivel de antisemitismo en Rusia (por certo, predecesor do fascismo e do nazismo) que neses progromos, o zarismo contou co apoio do partido ultranacionalista Centurias Negras. A policía secreta zarista, a Ochraná, publicou un panfleto propagandístico antisemita, “Os Protocolos dos Sabios de Sión”, na que alertaba sobre unha presunta “conspiración xudea internacional” como móbil que xustificara os progromos ante a poboación rusa. Propaganda non moi diferente da aplicada por Hitler e os nazis na Alemaña da década de 1930.
Durante a guerra civil rusa, os “rusos brancos” identificaron aos xudeus como simpatizantes do bolchevismo, a tenor da presenza de importantes líderes comunistas de orixe xudeu como Trotski, Kamenev, Zinoviev, Zdhanov ou Lazar Kagánovich, entre outros.
Xa na etapa soviética, Stalin, de orixe xeorxiano, amosaba unha notoria desconfianza cara os xudeus, aos que consideraba como “comunidade sen patria” e “burgueses cosmopolitas”. É célebre a creación en 1929 da República de Birodbikhán, no extremo oriental da URSS (hoxe óblast autónomo hebreo dentro da Federación de Rusia), onde foron “reasentados” varias comunidades de xudeus soviéticos. Quizáis outra “deportación encoberta” como émulo da que realizara o zarismo medio século antes.
Tras derrotar ao nazismo na II Guerra Mundial, e principalmente coa creación do Estado de Israel en 1948, a URSS viviu outra vaga de antisemitismo en gran medida propiciada pola propaganda do Kremlin. En 1953 foi notorio o denominado “Complot dos Médicos“, unha presunta conspiración xudea a través do persoal médico que atendeu a Stalin no seu lecho de morte e que supostamente tamén pretendía ‘eliminar’ a altos cargos do réxime soviético.
Con matices en canto ao control social, a desestalinizacion non supuxo o retorno de vagas periódicas de antisemitismo na URSS. O final da era soviética entre 1980 e 1990 trouxo políticas de maior liberalización para emigrar, razón pola que moitos xudeus rusos emigraron a Israel, EE.UU ou Europa. En Israel, unha boa parte da emigración de xudeus rusos, entre outras comunidades emigrantes da ex URSS beneficiadas coa Lei de Retorno para a obtención da nacionalidade israelí, manifestaron simpatías polo partido político Shas, ultranacionalista hebreo, sionista e relixioso.
“A ‘oligocracia’ imperante na Rusia post-soviética tamén deu que falar sobre a orixe xudeu desa nova ‘nomenklatura”
A “oligocracia” imperante na Rusia post-soviética tamén deu que falar sobre a orixe xudeu desa nova “nomenklatura” enriquecida dos despoxos da ex URSS. Os casos máis notorios son os de Román Abramóvich (ex propietario do Chelsea F.C) e Mijaíl Fridman, ámbolos dous exiliados actualmente en Israel, aparentemente o fogar de refuxio de oligarcas rusos de orixe xudeu.
A calor da guerra ucraína, causou preocupación as declaracions oficiais do Kremlin de xustificar a invasión co pretexto de “desnazificar Ucraína”, toda vez o presidente ucraíno, Volodymir Zelenski é de orixe xudeu. Isto levou a un breve impasse diplomático entre Rusia e Israel pouco despois da invasión por unhas declaracións do ministro de Exteriores ruso, Serguéi Lavrov, quen considerou que Hitler “tamén era de orixe xudeu”.
Por certo, Zelenksi tampouco se salvou das críticas do rabino Goldschmidt, quen considerou que o presidente ucraíno fai gala da súa condición de xudeu “só cando lle interesa xogar a carta do apoio israelí”.
Visto o visto, podemos preguntarnos: estamos ante a posibilidade dunha vaga de antisemitismo en Rusia? Ou as advertencias do rabino Goldschmidt esconden outros intereses políticos? Non está tan claro o panorama.
En 2001, o famoso disidente ruso e ex Premio Nóbel Aleksandr Soljenitsin, autor do best seller “Arquipélago Gulag”, publicou un libro, “Dous séculos xuntos” onde analizaba as relacións históricas entre xudeus e rusos. O seu estudo provocou acalorados debates intelectuais e académicos. Coñecido anticomunista e nacionalista ruso, Soljenitsin foi incluso acusado por algúns círculos, especialmente da comunidade ruso-xudea, de presuntamente ser un “antisemita” que, entre outras lindezas, presuntamente xustificaba os progromos zaristas. Unha acusación que confirma esas turbulencias históricas que veñen vivindo os xudeus en Rusia, e que volven hoxe á escena neste 2022-23 cunha guerra ruso-ucraína de fondo.