Os problemas que nos perseguen son moitos. Veñen dados por este estado de contemplación e pasividade, mesmo o esquecemento que nos paraliza ou adormece. Vemos como todos dan na mesma pedra e ninguén sabe ou quere resolver os problemas. Non importa quen sexan, uns berran máis que outros pero, en definitiva, están posicionados na verba oca, nesa dor xorda que non actúa. Xa se sabe que as verbas voan pero os problemas están aí, todos os días, aí agrandando a inmensa brecha entre ricos e pobres coa pestilencia da corrupción como fondo escuro no que todos tapan as fames alleas, as enfermidades e carencias todas, a falta de dignidade para acoller aos refuxiados ou ás vítimas das guerras. E quedamos así, parados, agardando e observando cativamente como nos come a vergoña. Pero sen movernos. Sequera facemos ademán de cambiar o voto cando chegan as eleccións. A cousa está mal, porque non son de fiar moitas das opcións. Claro está, unhas máis e outras menos, pero sen clara seguranza. O emprego é miserable, a precariedade está xeralizada e empobrécenos a todos. Mágoa non sabelo nin asumilo, porque por riba abonda na angustia dos parados, que están peor e non son vistos nas estatísticas da dor, da exclusión enfermiza. Esta nova marxinación laboral que afecta a demografía e o futuro, como tamén a pervivencia das pensións, como tamén a falta de ledicia e decisión, é a que nos reduce o potencial humano. Así contrólannos mellor, claro. Ou arre, ou xo! Doado sería, algún decreto quizais, penalizar a temporalidade e precariedade de calquera tipo, impoñendo un algo de dignidade laboral no horizonte dos supostos sindicatos que, seica, ultimamente, andan xordos e mudos, desaparecidos e asinantes das migallas. Deberan, xa son horas, recuperar a loita polos dereitos laborais e de compensación salarial xusta. Tampouco ninguén acorda xa do desespero dos dependentes, das súas inmensas soidades nesas novas enfermidades que non se curan con receitas e que seguen faltas de acordos, sen atención debida e sen sorrisos. Seguen a morrer vellos sen que ninguén o saiba, na total soidade e esquecemento. Ninguén fai nada en serio diante das intolerables mortes por violencia de machista despois de tantos exemplos que a diario se coñecen. Nin tampouco ninguén protesta pola vergoñenta polución que nos rodea, pola falta de rigor para combater o cambio climático, as plantacións de árbores incendiarias, os abusos nas peaxes das autopistas, as subidas constantes do prezo da luz e do gas, a perda de poder adquisitivo, … A verdade é que este sistema que tanto nos controla, que sabe todo de nós e como nos movemos, é incapaz de distribuír debidamente. Estamos gobernados polo poder financeiro e entón convén fanar dereitos e liberdades, facer crer que temos democracia e liberdade anque, en verdade, nos teñan teledirixidos por unha finxida seguridade. Temos tanto medo a expresarnos libremente que aceptamos o que nos boten. Alá quedaron dereitos básicos e fundamentais mentres eles aguzan nos Códigos Penais, restrinxindo e sancionando. Medo meten a calquera ousada información que os evidencie, e tamén co aviso de incitación ao odio. Medo á arte contestataria, aos cantores que non calan, ao humor crítico, aos comentarios acedos, aos tuiteiros que se van pola pata abaixo, aos que tisnan os seus nomes con algunha sabida ocorrencia, aos itinerantes xograres, vociferantes, titiriteiros, moinantes e filósofos da contra. Non lles deixarán abrir a boca e serán sinalados por terroristas, despois, postos no trullo por calquera ocurrencia de última hora. Onde chegamos, nonsi? Pois haberá que tomar medidas, quizais con ese voto que os bote.