Santiago de Compostela | O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se procede á apertura dun período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na área sanitaria de Vigo. Así, o Servizo Galego de Saúde garante que os pacientes poidan elixir libremente o seu centro hospitalario de referencia, optando entre o Complexo Hospitalario da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo ou o Hospital Povisa.
As persoas beneficiarias da Seguridade Social dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar, así como, no concello de Vigo, dos centros de saúde de Coia, Bouzas, Coruxo, Navia, López Mora, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña, Rosalía e Beiramar poderán facer efectivo o dereito á libre elección do paciente de provisor de asistencia sanitaria especializada.
As solicitudes de cambio para un ou outro hospital realizaranse no prazo comprendido nos 30 días naturais a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da citada resolución.
No que atinxe á documentación necesaria, deberá achegarse a solicitude de acordo cos modelos que estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde ademais de documento identificativo do solicitante –DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE) ou pasaporte-.
Se a petición a presenta un titor ou titora legal ou outra persoa autorizada, deberá presentarse tamén unha fotocopia do documento identificativo do solicitante e un documento que acredite a devandita titoría legal ou, no seu caso, o orixinal da autorización específica da persoa interesada.
A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na área sanitaria de Vigo. Tamén será posible efectuar a opción de cambio a través da internet, nas condicións que se explicitan na páxina web do Sergas.