Setembro de festas en Ponteareas

Con diversas actividades como a Feiras dos Remedios, a festa dos pementos de Guláns e concertos

Ponteareas | O goberno de Ponteareas presentou a programación das Festas de Setembro, un programa que “prolonga a calidade e variedade da oferta cultural ofrecida durante todo o ano en especial dende as festas do Corpus Christi” segundo salientou o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González Carrera.

Música en directo, xogos, obradoiros, visitas guiadas, citas deportivas e concursos resumen un mes de actividades de lecer e festivas que contaxiarán as rúas de Ponteareas nas que volverán desfilar un ano máis os xigantes e cabezudos e voar os globos tradicionais de San Miguel.

A VIII Festa exaltación do pemento de Guláns no parque da Avisoureira de Guláns abre o programa o domingo día 1 con pasarrúas, concertos da Banda de Música Reveriano Soutullo e música de charanga. Continua a semana con xogos populares, obradoiros e co XV Torneo de Tenis Concello de Ponteareas. O venres día 6 desfile de xigantes e cabezudos acompañados do grupo Senfol ás 09:30 horas para percorrer o centro urbano. Ás 20:00 horas apertura dos postos enograstronómicos na praza Bugallal e ás 21:00 horas o comunicador e humorista Roberto Vilar dará lectura ao pregón na Casa do Concello.Ao remate música con grupos e orquestras na Praza Maior e Bugallal.

Entre as novidades tamén está a presentación dos novos cabezudos que renden homenaxe á menina ponteareá e ao ciclista Delio Rodríguez, ademais restauráronse os outros dous existentes. O Concello organizará unha presentación para que todas as cativas e cativos poidan coñecelos.

O sábado día 7 XVI Festa Tradicional dos Remedios e XXXVII Festival Folclórico do Condado arrinca coa apertura da feira ás 10:00 horas. Pola noite concerto de Black Lovers e Alteanos seguido de verbena na praza Maior coa orquestra Florida Band. O domingo 8 haberá xogos populares pola mañá na rúa Vidales Tomé, ás 19:00 horas tirada de foguetes, ás 19:30 horas a misa solemne con procesión acompañada da Banda de Música Unión de Guláns que tamén ofrecerá un concerto posterior na praza Bugallal e ás 22:30 verbena na Praza Maior coa orquestra Pontevedra.

As visitas guiadas para divulgar o patrimonio de Ponteareas e os obradoiros sucederanse ao longo dos días, ao igual que o deporte co taller de taekwondo e defensa persoal do sábado día 14 e o gran premio de ciclismo Festas de Setembro do domingo 15; tamén os concertos como o de Borja Quiza e Fernando Briones “A emigración galega, cancións de ida e volta” no auditorio Reveriano Soutullo. O segundo encontro de corais Ángel Viro chegará o domingo 15 ás 18:00 horas no auditorio municipal.

O sábado 21 ofrecerá unha xornada deportiva de baloncesto 3×3 ás 16:00 horas na Praza Maior e ás 16:30 comeza a ruada dos grupos participantes no LVI Concurso de Gaitas do País ata o auditorio municipal Reveriano Soutullo no que terá lugar o concurso. Ao remate actuará na Feira Vella a Banda de Gaitas de Paramos. Neste mesmo espazo terá lugar o domingo 22 “Ponteareas en danza”. Música de coral o día 27 e concerto de Roi na Freixa para dar paso á música de orquestras nas verbenas do día 28, 29 e 30. O lanzamento dos globos tradicionais e artesáns de San Miguel voarán o domingo 29 froito da sabedoría popular e do traballo voluntario das persoas que permiten que a tradición siga viva.

A alcaldesa Nava Castro convida a toda a cidadanía a participar nas actividades das festas que están pensadas para todos os públicos, “agardamos que as nosas veciñas e veciños teñan un mes de setembro no que sorrir e compartir porque Ponteareas é música, tradición e participación porque a nosa cidadanía é un tesouro, persoas implicadas que coidan e prolongan a herdanza festiva, folclórico e artística da nosa vila” e agradece a colobaración da Deputación de Pontevedra, AGACAL e comercio da Xunta de Galicia.