Tui | Un ano máis, e como cada mes de setembro, o novo curso arrincará nas cidades da Red de Juderías coa celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, un ciclo de eventos no que participan 37 países europeos para poñer en valor a importancia da herdanza da cultura xudía e o seu patrimonio.
Cada ano, os organizadores das xornadas seleccionan unha temática central que serve como punto focal para debates, actuacións e diversas actividades culturais. En 2024, o tema central das Xornadas será “Familia”, un concepto co que a Rede de Xuderías quere mostrar como o proxecto común de recuperación do legado xudeu que comparten as súas 21 cidades é entendido como a extensión dunha gran familia que traballa unida nun proxecto profundamente enraizado e que crece e florece arredor da cultura e o patrimonio.
En todas as cidades integradas na Red de Juderías colocarase en distintos emprazamentos unha gran árbore que simboliza a unión e o crecemento das cidades que forman parte da Rede, propoñendo a veciños e visitantes das súas cidades formar parte das Xornadas cunha sinxela actividade dotada de premios. Para iso, os participantes deberán facerse unha foto xunto á árbore, e subila a instagram etiquetando á conta da Red de Juderías @redjuderias. Entre todas as fotos, sortearanse exemplares das publicacións “Ciudades de Sefarad”, “Sabores de Sefarad” e “Gastrosimbología” da Red que rescatan o patrimonio material e inmaterial desta herdanza.
En Tui estase a ultimar o programa de actividades “Setembro xudeu” que ofrecerá ao longo do mes unha ducia de actuacións co obxectivo de pór en valor do patrimonio tudense vinculado á presenza das comunidades xudías na nosa cidade. Visitas guiadas, visitas teatralizadas, conferencias, música, as xornadas gastronómicas sefardís, etc… completan unha oferta que dende a concellería de Turismo que dirixe a concelleira Ana Núñez Álvarez queren converter nunha referencia para Galicia e o Norte de Portugal.