Sintonía entre a Zona Franca e a empresa Lema

O delegado do Estado, David Regades visitou a súa sede en Valga

Valga | O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, visitou en Valga a empresa Lema, responsable de fachadas singulares en Vigo como a azul ondulada do estadio municipal de Balaídos, a tornasolada do Hospital Álvaro Cunqueiro, a gris metalizada do Auditorio Mar de Vigo ou a da Comisaría.

Tamén traballaron no proxecto da nave H, da que é licitador o propio Consorcio da Zona Franca, e que conta con fachadas duns 16.000 metros cadrados.

Lema recibiu este ano dous Indicadores Ardán, como empresa ben xestionada e de alta produtividade. David Regades destacou “o traballo de empresas punteiras como Lema, que basean o seu traballo na innovación e ofrecen solucións tan vangardistas como a do estadio de Balaídos, con esa fachada ondulada en azul que o fan tan singular e reconocible en calquera imaxe, á altura de instalacións como a do Guggenheim”.

O delegado estivo acompañado pola concelleira de Valga María Ferreirós. A compañía Lema, con sede en Valga, cumpre este ano o seu 45º aniversario cunha ampla bagaxe de solucións innovadoras, tanto para edificios públicos, como para industrias e edificación privada.

Así, ten no seu haber multitude de fachadas ventiladas de inmobles por toda Galicia, tamén solucións para a industria que xa aplicou a concesionarios de automóbiles por toda a comunidade, conserveiras, instalacións de empresas como Coren, así como centros comerciais como Marineda City e hoteis como o Galicia Palace de Pontevedra.

Tamén centros públicos como o Colexio Alborada de Vigo ou o Hospital de Conxo. Entre as súas últimas innovacións está a chapa trenzada, que permite o seu uso para obras de decoración en industrias e en edificación; así como os paneis con perforación artística, que permiten ofrecer calquera tipo de imaxe a través da microperforación.