Siria, retorno ao inferno.

A súbita reaparición do conflito sirio na atención mediática obriga a descifrar toda serie de “nudos gordianos” que confeccionan o sempre inestable crebacabezas de Oriente Próximo. Convén non esquecer este escenario, a guerra siria, en medio da recente tregua entre Israel e Hizbulá toda vez a guerra ucraína entra en terreo descoñecido, sumida na ameaza de escalada bélica (tensión nuclear incluída) mesturada cunha incerta posibilidade de negociación de alto ao fogo.

Os combates en Idlib e a penetración en Aleppo, a segunda cidade siria en importancia trala capital Damasco, por parte de milicias xihadistas salafistas en mans dun pouco coñecido grupo denominado Hayat Tahrir al Sham (HTS), literalmente Organización para a Liberación do Levante (anteriormente Fronte al Nursa, hoxe sorte dun novo Estado Islámico-ISIS) semella resultar oportuno para diversos actores, especialmente Israel, EEUU e incluso Turquía. A penetración e aparente control de Aleppo polo HTS logrouse igualmente co apoio de milicias armadas apoiadas dende Turquía. É a maior ofensiva militar que se rexistra na guerra siria desde 2020. Agora ben, por qué reaparece agora o conflito sirio?

Este avispeiro conflitivo permanente venlle ben a estes actores, especialmente Israel, con habilidade suficiente para penetrar nos terreos máis escuros das guerras, segredas ou non, que pululan por Oriente Próximo. A aparición de grupos islamitas radicais sempre é un actor conveniente para os intereses israelís, sexa como inimigo oportuno ou socio indirecto.

“Este avispeiro conflitivo permanente venlle ben (…) a Israel, con habilidade suficiente para penetrar nos terreos máis escuros das guerras (…) que pululan por Oriente Próximo”

Para Tel Aviv resulta vital neutralizar o cordón umbilical que Teherán ten deseñado na súa contra, vía réxime sirio de Bashar al Asad e Hizbulá. Non é por tanto casualidade que, tras alcanzar a tregua con Hizbulá, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu advertira ao presidente sirio Bashar al Asad de “xogar con fogo” polo seu apoio loxístico a militar á milicia islamita libanesa.

Momentaneamente neutralizado o Hizbulá coa tregua de sesenta días, tempo de espera para a chegada de Trump á Casa Branca, Israel move indirectamente as súas pezas en Siria. A súbita ofensiva en Aleppo do HTS revela ás claras que Tel Aviv estase preparando para calquera eventualidade dunha guerra a gran escala en Oriente Próximo, sempre coa mente fixa en Irán. Con isto, contando cunha indirecta “axuda” turca (a pesar das tensións diplomáticas pola masacre de Gaza), Israel e EEUU buscan unha maior presión xeopolítica cara Rusia e Irán, aliados e implicados directamente nas guerras de Ucraína e Siria.

Observando de perto o apoio do presidente Joe Biden a Ucraína cos mísiles ATACMS para atacar en territorio ruso, Netanyahu aplica unha dobre estratexia de tregua con Hizbulá e advertencias contra al Asad nun momento en que a guerra siria volve ao primeiro plano coa finalidade de comprometer á vindeira administración Trump. Por certo, aparecen informacións dunha presunta conexión entre Ucraína e o HTS (que, como Turquía, aparentemente prové de drones a Kiev) para atacar obxectivos militares rusos en Siria, tomando en conta o apoio de Moscova ao réxime de al Asad, consolidada coa histórica presenza militar rusa (base de Tartus) en territorio sirio e a intervención do Kremlin nese país a partir de 2015.

A “balcanización” de Oriente Próximo e a conformación de entidades “bantustanes” é un histórico proxecto xeopolítico das forzas supremacistas e dereitistas que hoxe gobernan en Tel Aviv na súa intención de recrear a idea do “Gran Israel”.

Este permanente estado de conflito cos seus veciños, que lexitima o fortalecemento do estamento militar e de intelixencia como sinal de identidade e de vitalidade do Estado de Israel, implica a necesidade de fortalecer a súa superioridade e capacidade de resposta militar, amparado de antemán polos seus apoios occidentais, especialmente de EEUU. Netanyahu aposta forte coas súas cartas sabiendo que, con Trump na Casa Branca, ten un póker gañador na súa man.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.