Ourense | Só ficarán cinzas en algures (Galaxia, 2021) é a primeira novela escrita en galego do escritor ourensán Toño Guede, cofundador do grupo Círculo Poético Ourensán e autor que ten publicado varias novelas en castelán e un poemario en galego (Bolboretas na memoria).
A novela que nos ocupa está ambientada na cidade de Ourense, que aparece cartografada nos pasos dos seus protagonistas. Trátase dunha novela curta cunha trama que engancha e unha narrativa doada de ler, na que a intriga predomina. Os personaxes, moi ben abordados a nivel psicolóxico, resultan próximos e cribles, dotando a obra dun realismo que se acentúa coa descrición das distintas rúas, facilmente recoñecibles por calquera que coñeza a cidade á que rende tributo o autor.
Non cabe dúbida que o xénero policial está a triunfar entre os distintos públicos resultando unha aposta ben medida con ampla resposta no mercado, pero non é menos certo que, precisamente por este pulo que está a vivir o xénero, non resulta doado encontrar obras novas, que esperten a sensación de non estar pisando un terreo xa moi trillado.
No caso de Só ficarán cinzas en algures a novela non só responde ás expectativas dunha boa obra de intriga (enganche, trama ben orquestrada, personaxes ben perfilados), senón que esperta a simpatía dos lectores o encontrar entre as súas páxinas protagonistas que poderían responder a tipoloxías que abundan en calquera contorna na que nos situemos.
O procedemento xudicial, o grao de implicación do inspector Lavandeira e os axentes que o acompañan, o relato e a sucesión dos feitos, todo parece estar medido cunha proporción axeitada; nada sobra nin falta nesta novela amena de ler que responde o que moitas veces buscamos: un rato de desconexión e lecer.
Poida que o misterio que garda a obra non sexa un quebracabezas maxistral, pero si a forma de contalo, próxima, realista e sinxela. Lonxe de estar ante unha novela chea de tecnicismos e clixés cinematográficos, estamos ante unha obra na que a realidade mesma constitúe o eixe de estudo, na que calquera dos seus protagonistas pode dar unha imaxe falsa, na que ninguén está ceibe de ser culpable.
Poida que queden preguntas sen responder del todo nesta arriscada e lograda novela de Toño Guede, pero, por enriba de calquera outra cuestión, o que fica o acabar de ler a última páxina é a sensación de ter nas mans unha peza ben resolta e tamén, para que negalo, a constatación de que todo o bo dura pouco.
Só ficarán cinzas en algures, de Toño Guede, unha aposta segura para amantes do xénero policial.
Por Manuela Vicente Fernández. Escritora, redactora e columnista literaria. Dirixe e coordina o blog bilingüe Nosotras que escribimos/Mulleres que escribimos. Colabora con reseñas en varios medios culturais. Socia de AMEIS (Mulleres Escritoras e Ilustradoras) e do colectivo REM (Red Internacional de Escritoras de Minificción). Ten publicado e difundido relato breve, ensaio e poesía en revistas, radio e demáis medios. Finalista co poemario Piel Atópica no I Premio Las Nueve Musas, publicado en 2021.