Madrid | A Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias, Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL), -con sede en Santiago de Compostela- dá a coñecer en Madrid o seu labor a través da exposición inaugurada hoxe na Delegación dea Xunta en Madrid/Casa de Galicia, “Facendo camiños, facendo memoria”. Composta de dezanove paneis informativos sobre a enfermidade e o traballo das asociacións de familiares de persoas cunha demencia neurodegenerativa en Galicia, a exposición foi desenvolta en colaboración coa Consellería de Política Social e o CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade)-Galicia co fin de sensibilizar sobre unha realidade crecente na nosa sociedade e móstrase coincidindo co vinte aniversario da Federación. Xunto á exposición, se dió a coñecer o libro “Recetas para el recuerdo”, de historias de vida presentadas a través do recordo de sabores.
Interviñeron na presentación da exposición o presidente de Federación Alzhéimer Galicia, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, e o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega. Entre o público asistente estaba a deputada na Asemblea de Madrid Pilar Liébana Montijano, portavoz do PP na Comisión para as Políticas Integrais da Discapacidade.
Jiménez explicou que a exposición foi desenvolta “co fin de sensibilizar sobre unha realidade crecente na nosa sociedade”, que “afecta a máis de 400.000 persoas na Comunidade galega”, e que a través dos seus “paneis con fotos e textos explicativos” preséntase á propia Federación Alzhéimer Galicia e o traballo das súas asociacións, ademais de “información sobre as demencias así como traballos da rede asociativa de alzhéimer en Galicia”. Tamén lembrou que permanecerá aberta ao público ata o próximo día 28.
Rodríguez Bernández explicou que “a Federación Galega de Alzhéimer ten entre os seus obxectivos dar a coñecer a realidade das demencias neurodegenerativas en todos os foros posibles” e para iso “é fundamental crear e fortalecer lazos de colaboración con todos os axentes implicados no cambio social que promova unha sociedade comprometida coas persoas cunha demencia neurodegenerativa e as súas familias”, contexto no que nace a exposición. “CapacitARTE quere mostrar a superación das persoas cunha discapacidade, sexa cal for e evolucione como evolucione esta, e o traballo comprometido de todas as familias, persoas traballadoras, o voluntariado e os axentes sociais que colaboran en construír unha sociedade inclusiva”, engadiu.
O presidente de FAGAL lembrou que o día mundial do alzhéimer é o 21 de setembro e ese mes de 2018 a exposición estivo instalada nas zonas comúns da Consellería de Política Social; “continuando co noso afán divulgador e colaborativo pareceunos importante traela a este espazo da nosa Comunidade en Madrid”. “Queremos ensinar que son as demencias, que estimamos afectan a preto de 100.000 persoas directamente e 250.000 indirectamente, o seu impacto na sociedade de Galicia, que facemos para loitar contra elas e como realizamos este traballo tendo sempre presente ás persoas afectadas e as súas familias”, sinalou. Ademais, indicou que Madrid encabeza a demanda de información que reciben desde fóra de Galicia, o que atribúe á numerosa colectividade galega que reside nesta Comunidade.
FAGAL é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu en 1998 da unión de varias asociacións de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias (AFAs) coa finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas que sofren alzhéimer e dos seus coidadores. Na actualidade é un referente en Galicia en materia de alzhéimer tanto polos programas que desenvolve directamente como polas 13 asociacións que a compoñen, que realizan de forma permanente programas en 28 comarcas galegas. Asociacións que suman máis de 5.000 familias asociadas e prestan múltiples servizos a través dos seus máis de 250 profesionais do sector socio-sanitario.
Traballa en fortalecer as asociacións galegas de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias, en xerar cambios na sociedade a favor destas persoas e dos seus coidadores, en impulsar a creación de recursos e o desenvolvemento da investigación clínica e social, na interlocución coas administracións e axentes sociais, a creación de novos grupos de familiares de enfermos de alzhéimer onde non existen e en programas de atención a familias no medio rural e de sensibilización interxeracional.
FAGAL é membro da Confederación Española de Asociacións de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (CEAFA), que integra a 19 federacións autonómicas e representa a máis de 800.000 familias en todo o país, da Asociación Europea de Alzheimer, a Asociación Internacional de Alzheimer a Asociación Iberoamericana de Alzheimer, do CERMI-Galicia e da EAPN (Rede Europea de Loita contra a Pobreza, nas súas sigla en inglés)-Galicia.
O envellecemento é o principal factor para a aparición dunha demencia e as proxeccións demográficas de Galicia nos próximos anos fan prever un aumento dos maiores de 65 anos do 23,15% actual ao 41% no 2050, aparellado a un descenso xeral da poboación.