A pedagoga galego-venezolana Isabel Elena Peleteiro Vázquez acaba de publicar o seu libro “A visión da Galicia emigrada a Hispanoamérica en torno á discutida orixe galega de Cristóbal Colón” (Aliar ediciones, 2022), froito dunha Tese Doutoral na USC na que rastrexa a visión dos emigrados galegos sobre a controversia suscitada pola presunta orixe galega de Colón.
A investigación de Peleteiro Vázquez, radicada actualmente en Galicia e interesada na Antropoloxía Cultural de América, parte dunha metodoloxía transversal, plural e interdisciplinar con perspectiva de xénero que ten como punto de partida a tese sostida polo pontevedrés Celso García de la Riega na súa obra “Colón Español. Su origen y patria” (1914).
Polas súas páxinas podemos observar aspectos relevantes como o enigma historiográfico sobre a orixe de Colón, a tese galega da súa orixe como contido cultural, a emigración galega cara América como transmisora desa tese, a receptividade alí atopada e a visión cultural desa visión tanto nos intelectuais galegos emigrados como no imaxinario da muller emigrada.
Visibilízanse así os traballos e discursos das obras de mulleres e homes divulgadores a través dos libros, xornais, revistas e facsímiles dos galegos emigrados alén do Océano Atlántico, e que atesouraron os contidos científico-culturais da tese do Colón galego en Hispanoamérica.
Isto permitiu, ao mesmo tempo, contribuír na transmisión da cultura galega a nivel continental, actuando como auténticos dinamizadores culturais da emigración galega. As conclusións revelan a visión sobre a intensa apropiación deste contido que se converte nun feito cultural que, a partir deste estudo, fai unha viraxe cara Galicia.
Unha obra que contribúe a afondar na controversia historiográfica que sempre conserva a súa actualidade, en particular sobre as orixes dun dos personaxes históricos máis enigmáticos e investigados como é o caso de Cristóbal Colón.