Morreu Fraga, un persoeiro que require unha análise en profundidade dificil de facer nunha postaxe dun blogue, un persoeiro con luces e sombras pero que merece desde logo unha opinión para calquera que esté implicado na política galega, xa que estamos perante a que posiblemente, e xunto a Beiras, sexa a figura máis senlleira do tempo transcorrido desde a instauración da nosa autonomía. No lado negativo destacaría a sua participación destacada na ditadura, no lado positivo o seu papel en sacar das cavernas à dereita española, en ver algo que moita xente na dereita española non via claro a finais dos sesenta e primeiros dos setenta, a necesidade de ir cara a democracia.
A democracia que saiu da transición é tan defectuosa, desde o punto de vista da sua arquitectura institucional, para os que temos a democracia liberal como referente, que como pai da Constitución non o podo lisonxear, pero naquel complicado contexto non era fácil aspirar a máis dados os bimbios sociais e politicos das duas Españas.
Desde o punto de vista galego luces e sombras, o lado positivo aparece con claridade cando o comparamos coa involución a todos os niveis que representa o señor Feijóo, e cando falo de todos os niveis, refirome tanto ao nivel ideolóxico como á enorme diferenza na talla política e intelectual dun e doutro, Fraga tomaba en serio a autonomía como unha institución de autogoberno, limitada e rexional, pero autogoberno, o señor Feijóo degrada a nosa autonomía pola via da prática á categoría dunha macro deputación, autolimitada polo provincianismo de quen a dirixe. No lado negativo debemos mencionar que Fraga interpreta o seu papel á frente da Xunta como un papel ao servizo dunha determinada visión centralista de España, xoga nese sentido un papel de sumisión a Madrid, desde a “terceira nacionalidade histórica” que desde o punto de vista do nacionalismo español, crea un cordón sanitario para a non extensión das reivindicacións nacionais do Pais Basco e Cataluña.
En definitiva subordina o interese e benestar de Galicia ao poder centralista e renuncia a usar o seu peso político, como fundador dun dos grandes partidos, en prol do noso País, cando chega Aznar ao poder en 1996, Fraga estaba en posición de ter reivindicado para Galicia unha compensación real en termos de investimento e de transferencia de competencias e simplemente non o fixo, lembremos que o goberno Aznar non tivo especial deferencia cara Galicia como mostran as cifras de investimento, máis alá daquel verdadeiro timo propagandístico de falar do “goberno amigo”, Aznar non deu protagonismo a Galicia senón fundamentalmente a Madrid e Valencia ante o beneplácito de Fraga. Por certo, as cifras de investimento en Galicia do goberno de Zapatero foron moito maiores, ainda que ao servizo dunha nefasta política de infraestruturas compartida polo PP. (O grande engano de J. Blanco)
Fraga era un home pragmático o que o levou a subordinar os seus instintos autoritarios á intelixencia política de ver que a democracia era a única aposta viable, non obstante nunca tivo ningún problema en manter unha estreita, case íntima relación, con ditadores de diversas pelaxes, como Gadafi ou Fidel Castro ou o Irán dos Ayatolás, tres dos referentes da estrema esquerda galega, era máis amigos de Fraga que deles, prova de que os estremos se tocan, recordo a grotesca situación que se producía e o bochornoso ridículo que esta situación lle facía pasar ao BNG, cando destacados dirixentes da ditadura cubana pedíron o voto para o PP.
Fraga non tiña problema en incomodar a Aznar con estas cousas pero nunca o incomodou para o importante e determinante, para a defensa dos intereses de Galicia.