Moitos dos referentes da esquerda dentro (Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez,…) e fóra estiveron presos, pero nin Mandela, Fidel Castro, Pepe Mújica, Chávez, Lula, Dilma,… acabaron coas prisións. Por algo será… Porén nós tamén temos os nosos agravios; pois ao funcionariado de prisións tamén se lle intenta quebrar psicolóxica, mental e, incluso, fisicamente. Das agresións que sofre só se fala -ás veces- na prensa do Réxime. Porén o propio Réxime tamén nos acosa ou marxina se somos críticos. Xente dalgunhas asociacións defende o acoso e a estigmatización cara nós e, aínda que prestamos un servizo público, case nunca recoñecen nada bo en nós. O ataque desmedido e a falta de recoñecemento social fan que a desmotivación e o desánimo estén servidos. E a iso hai que engadir a falta de persoal suficiente para facermos axeitadamente o traballo.
A rebeldía legal ou sutil debería permitirse tanto na poboación reclusa como en nós e ás veces faise. Tede en conta que cando un recluso é levado a illamento ou clasificado en primeiro grao, case sempre hai quen lle tende un cable: xuíz de vixilancia, psicólogo, educador, membro da equipa directiva,… e volve ter outra oportunidade. O propio sistema -a pesar dos seus fallos- ás veces cambia de ubicación ao recluso para que poida comezar de novo noutro ambiente distinto. Mais a seguridade, tanto dentro no cárcere como fóra, na sociedade, son importantes e non se deben minusvalorar. O funcionariado de interior non só custodia e vixila, tamén atende, escoita e axuda. E isto, cando se fai, aparte de ser gratificante, disuade en boa parte condutas violentas. En Pereiro de Aguiar, por exemplo, a poboación reclusa está asistida xuridicamente por unha comisión xurídica (do colexio de avogados) á hora de faceren os internos recursos e denuncias, o que afortala as vías legais para faceren reclamacións e disuade condutas agresivas ante un conflito. Inicialmente, a maioría dos sindicatos recelaban e opuxéronse, porén despois foi aceptado. Eu mesmo tiven recelos cando se procedeu ao reparto de xeringas, pero tampouco deu problemas. E teño claro que certa flexibilidade fai que internos e funcionarios se sintan mellor.
As únicas sociedades nas que non existen as prisións son as sociedades indíxenas orixinarias. Se estudando esas sociedades ou doutra maneira descubrides un método alternativo ao cárcere que funcione razoabelmente ben, eu estaría disposto a consideralo. Porén as medidas alternativas á prisión, con estar ben en certos casos, aplicalas para todos semella ser unha utopía irrealizábel. Polo demais, eu só coñecín tres prisións e levo cinco anos xubilado por un problema de saúde mental.