Vou facer uns breves comentarios sobre ela e máis sobre o seu home, a raíz da lectura do libro de Montse Fajardo titulado: “A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira”, que recomendo. Unha persoa como Castelao non escolle como parella unha persoa mesquiña, senón todo o contrario. E viceversa.
Alégrome tamén de comprobar que Castelao cometeu pequenos erros, pois un home perfecto en todo é algo irreal e pode que até resultase aborrecíbel. No exilio de ambos os dous houbo momentos en que non tiveron a tranquilidade de verse a salvo da miseria ás portas da vellez; porén aínda pasando estreiteces económicas, Castelao era sumamente honrado no manexo do diñeiro. Viviron preocupados polo acoso franquista á familia na Terra.
Nos seus desprazamentos polo estranxeiro foron obxecto de calorosos recibimentos por parte da emigración galega. Foron tamén espiados pola CIA. Castelao desenvolveu un intenso traballo artístico e foi liberado de traballar noutra tarefa que non fose o labor político por membros da comunidade comunidade galega no exilio.
“Castelao e Virxinia Pereira foron sempre leais á República e partidarios de manter a acción política”
Mentres que Ramón Piñeiro e boa parte do galeguismo do interior se amosaron partidarios da monarquía parlamentar como xeito de poñer fin ao franquismo e abandonaron a acción política, centrándose no traballo cultural, Castelao e Virxinia Pereira foron sempre leais á República e partidarios de manter a acción política, aínda que só fose no exilio.
Virxinia Pereira exerceu de enfermeira de Castelao e, á morte deste en 1950, Virxinia Pereira foi arroupada polos galeguistas, dos que ela formaba parte, ben por carta ben presencialmente: Otero Pedrayo, Álvaro Xil Varela, Valentín Paz-Andrade, Prada, etc.
Virxinia volveu varias veces a Galiza, onde pelexou legalmente para que o patrimonio artístico de Castelao ficase no Museo de Pontevedra, sendo o seu avogado Paz-Andrade; pois o Estado franquista abrira a Castelao un expediante de depuración de responsabilidades políticas, que se saldou cunha multa de 75.000 pts, o que mermaba a herdanza da familia; chegándonse a subastar propiedades que Roa Lago mercou e entregou ás súas lexítimas herdeiras.
Virxinia Pereira faleceu en Madrid en1969, dezanove anos despois de ficar viúva.