A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, así como os e a súa homóloga nos concellos de Bergondo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e o tenente de alcalde de Sada mantiveron este xoves unha xuntanza que derivou na sinatura dun acordo básico a respecto do Transporte e Mobilidade Metropolitana no que solicitan ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que os reciba para poder avanzar na coordinación do transporte urbano e metropolitano “co obxectivo de formalizar unha autoridade única que xestione o transporte na Área Metropolitana da Coruña”. Así debe ocorrer, destacan, “no marco dunha relación institucional normalizada”. Outro dos acordos acadados pasa por, igualmente, solicitar ao mandatario autonómico a reprobación da actitude da conselleira de Infraestruturas, “por rachar o marco de relación institucional entre dúas administracións con competencias en transporte metropolitano e na cidade da Coruña”, ao non ter recibido aos e á representante municipal dende o 22 de febreiro de 2017. Neste contexto, os e a asinante deste novo acordo tamén esixen á Xunta “lealdade institucional para cos concellos integrantes de todo o proceso de constitución dunha área metropolitana da Coruña, así como colaboración co proceso de desenvolvemento no que están integrados”. O acordo será debatido en forma de moción nos plenos municipais dos concellos dirixidos polos gobernos asinantes.
“Non é o momento de buscar protagonismos nin de xerar rivalidades de curto alcance”
O acordo evidencia que “o Concello da Coruña está a poñer todo o seu capital humano e todos os seus recursos co fin de artellar un dos piares máis importantes da constitución da Área Metropolitana, como é o transporte”. “Para iso, dentro da estratexia metropolitana, e por medio da Mesa Metropolitana do Transporte e da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa, trabállase dende o mes e xuño de 2016 para abrir novas vías de diálogo que desenvolvan a nivel técnico, xurídico e económico a nova xestión do transporte a nivel metropolitano de xeito integral e por medio dunha autoridade única”, destaca. “Non é o momento de buscar protagonismos nin de xerar rivalidades de curto alcance. As persoas que estamos á fronte hoxe das institucións locais e autonómicas pasaremos. Que deixemos atrás de nós as sementes para o futuro do noso país depende única e exclusivamente de que traballemos xuntos polo ben común”, recolle o documento.
Apoio á Área Metropolitana
Nunha comparecencia de prensa conxunta e posterior á sinatura, o alcalde destacou os “avances históricos” realizados dende 2015 polos concellos da comarca na creación dunha Área Metropolitana da Coruña. “O proceso que iniciamos cos acordos de Mariñán e posteriormente coa Declaración de María Pita evidencian que os concellos da contorna estamos inmersos de xeito decidido e firme na construción da Área Metropolitana, porque entendemos que a constitución desta é un instrumento fundamental para asegurar a gobernanza dos asuntos que nos son comúns, e ofrecer máis e mellores servizos”, indicou o rexedor. “Impulsamos acordos plenarios para poder iniciar o procedemento lexislativo diante do Parlamento e en febreiro tiven a oportunidade de trasladarlle ao presidente da Xunta a necesidade de contar coa súa administración no impulso da creación desta área. Nesa xuntanza, coincidimos en que o transporte metropolitano era un bo lugar por onde continuar a construción da área, e así llo trasladei o 21 de febreiro a todos os alcaldes e a alcaldesa. Entre todas decidimos recoller ese guante e empezar a construír un verdadeiro sistema de transporte metropolitano na área da Coruña e convidamos aos técnicos da Xunta a integrarse na mesa metropolitana do transporte, para avanzar nas cuestións técnicas e na necesidade de que o transporte metropolitano tivese unha autoridade única nesta materia, que entendiamos que debía ser a propia Área”, relatou.
Comisión bilateral
O primeiro edil coruñés explicou como, a raíz disto, e en nome dos dez mandatarios metropolitanos, “solicitamos unha reunión coa conselleira de Infraestruturas”. “Pero até o de agora non foi posible manter esta entrevista”, comentou. “A Xunta de Galicia está tratando o transporte metropolitano dun xeito non adecuado aos tempos actuais, centrándose por un lado no plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro da Coruña que vén de aprobar de xeito unilateral tras rexeitar 9 das 11 alegacións que os concellos da área presentaron”, salientou. “O que pedimos é que isto non sexa un plan unilateral, que se conte cos concellos á hora de avaliar as fases de entrada dos autobuses, e seguir avanzando nas fases de penetración ou non.
Demandamos unicamente unha comisión bilateral co Concello da Coruña que avalíe a entrada e toma de decisión co consenso necesario, de cara a non provocar conflitos co transporte público da cidade e de tráfico no centro”, dixo. “O que pedimos é de sentido común, por iso está apoiado por todos e cada un dos concellos da comarca”, indicou.
“A Xunta convídanos a presentar alegacións pero impide, unha vez máis, ese foro bilateral cos dez concellos”
Na súa comparecencia, o primeiro edil salientou que “ao mesmo tempo, estes días temos noticia da exposición pública de determinadas concesións de liñas na área da Coruña que perpetúan o minifundismo do modelo actual e que non discorren en base a un modelo metropolitano de transporte”. “A Xunta convídanos a presentar alegacións pero impide, unha vez máis, ese foro bilateral cos dez concellos”, manifestou. “Ao único ao que se nos remite é á comisión do seguimento do plan de transporte metropolitano, cos 17 concellos que forman parte desa área de transporte da Coruña. Cremos que ese é un foro interesante no que hai que estar para falar de moitas cousas pero, sen menosprezar a ninguén, creo que non é a mesma problemática ao do transporte de Santa Comba á Coruña que a do transporte metropolitano, que traslada a cinco millóns de pasaxeiros e pasaxeiras”, subliñou. “Queremos seguir a traballar neste foro, pero dende logo, é preciso traballar bilateralmente no deseño dunha malla de transporte metropolitano cun plan integral”.