Solidariedade das ONGD galegas con Ucraína

A través da Coordinadora Galega de ONGD

Santiago de Compostela | Ante as numerosas iniciativas de recollida de axuda para a emerxencia humanitaria de Ucraína, que demostra a boa vontade e gañas de colaborar da poboación galega, a Coordinadora Galega de ONGD (Coordinadora) recomenda decantarse por opcións sistematizadas e acaídas para unha situación de conflito bélico para garantir que toda esa onda solidaria vai ser útil á poboación ucraína.

Varias ONGD da comunidade galega xa están levando a cabo accións de axuda en diversos ámbitos (saúde, infancia, refuxio, acompañamento, alimentación…) nas fronteiras de Ucraína e cos seus países veciños. Agora mesmo, Médicos do Mundo, Entreculturas, Farmamundi, Axuda en Acción ou Educo, xunto as súas ONG amigas na zona, teñen equipos traballando nesta emerxencia.

Médicos do Mundo: https://www.medicosdelmundo.org/
Entreculturas: https://www.entreculturas.org/es/home
Educo: https://www.educo.org/landing/emergencia-ucrania
Farmamundi: https://farmaceuticosmundi.org/solidaridad-con-ucrania/
Ayuda en Acción: https://colabora.ayudaenaccion.org/espana/es/emergencia-ucrania

Como organizacións expertas en cooperación internacional e axuda humanitaria, nestes momentos a Coordinadora quere tamén servir de canle e asesoramento para a cidadanía galega.

Cómpre lembrar que a  mellor e máis eficiente forma de colaborar coa poboación ucraína é a través das ONGD que están a traballar na zona.

Consellos para axudar
Preferiblemente, a Coordinadora anima a facer achegas económicas en non en especie. Os bens doados en especie en Galicia poden non ser axeitados ás necesidades da poboación e á situación humanitaria e loxística no terreo, que pode variar rapidamente en situacións de crise e debe ser avaliada constantemente. Ademais, supoñen custos e dificultades administrativas e loxísticas adicionais (necesidade de embalaxe, trámites nas alfándegas suplementarios, datas de caducidade…). Polo tanto, resulta máis práctico comprar materiais sobre o terreo que activen a economía e emprego locais ou facendo uso de kits de resposta humanitarios estandarizados, no caso de que os produtos necesitados non estean dispoñibles localmente ou en países veciños. No caso das medicinas é imprescindible respectar as regulamentacións internacionais para o seu envío e distribución.

Entre as principais recomendacións da Coordinadora ás persoas que desexen axudar á poboación ucraína, destacan as seguintes:

1. A boa vontade non é suficiente. Se queres apoiar, comproba que optas pola opción máis axeitada. É probable que na túa cidade exista algunha asociación de Ucraína. Contacta con ela e coñece as súas necesidades.
2.  Non precipites a túa decisión, contrasta e elixe unha vez teñas distintas opcións.
3. Apoia economicamente. O bens doados en especie poden non ser axeitados  ás necesidades da  poboación e á situación humanitaria e loxística.
4. As ONGD fortalecen ás organizacións locais e as súas capacidades. Son quen mellor coñecen o contexto. O persoal dunha ONG que traballa nun conflito armado segue un proceso de selección rigoroso, baseado na experiencia e na formación, traballan nestes e moitos outros conflitos e crises humanitarias ao redor do mundo.
5. A adopción de meniños e meniñas non é unha opción. Os esforzos céntranse en atendelos no propio terreo e en reagrupalos/as coas súas familias.
A acollida de persoas refuxiadas require dunha serie de procesos para garantir que non se vulneran os dereitos das persoas, que reciben á atención legal necesaria e que son conscientes de a onde se dirixen e cales van a ser as condicións a súa chegada. Os gobernos e as ONGS son quen teñen os recursos para garantir o traslado e acollida das persoas refuxiadas
6 Asegúrate de que as fontes de información que utilizas son serias e honestas. Non compartas bulos ou informacións que alimenten os discursos de odio ou novas falsas

Máis información: https://galiciasolidaria.org/como-apoiar-a-poboacion-na-ucraina/

A Coordinadora Galega de ONGD quere agradecer e por en valor a onda solidaria da sociedade galega coa emerxencia en Ucraína, que está a desbordar todas as previsións.

Para máis información e para entrevistas:
Felipe Noya, Médicos do Mundo, 629840402 / felipe.noya@medicosdelmundo.org
José Luis Barreiro, Entreculturas, 681 040076 / jl.barreiro@entreculturas.org