Entrevistas | O xornalista e escritor afincado en Ponteareas Manrique Fernández vén de publicar unha colección de relatos baixo o título «Os anxos indecisos». O libro, editado por Galaxia, vai ser presentado o vindeiro día 5 de outubro na Sala Multiusos do Auditorio Municipal a partir das 20:00. Falamos co autor para achegarnos á súa obra.
¿Quen son eses “anxos indecisos”?
O título nace da cita inicial, do filósofo e pensador rumano Emil Ciorán, que recolle unha lenda de orixe gnóstica que explica que, cando se producíu unha guerra no Ceo entre os partidarios de Deus e de Luzbel, houbo un grupo de anxos que non tomaron partido por ningún dos dous bandos. Eses “anxos indecisos” foron relegados á Terra para que aquí tomasen a decisión que non adoptaran arriba, de maneira que os “anxos indecisos” somos todos e cada un de nós. Nesa idea está a orixe do libro.
Entón, ¿estamos a falar das decisións como fío condutor das nosas vidas…?
Exacto. Ás veces tomamos decisións que cremos irrelevantes e que acaban por ter unha repercusión enorme en nós, ou ao contrario, que consideramos que nos van cambiar a vida e, ao final, apenas nos afectan; noutras ocasións vémonos obrigados a tomar determinadas decisións, ou padecemos as consecuencias de decisións que toman outros… O caso é que, dalgunha maneira, somos as decisións que tomamos, e eu tratei de explorar ese campo a través da literatura e de sete relatos de ficción.
Son relatos de ficción, pero algúns deles están moi apegados á realidade, mesmo á actualidade social e política.
É certo. Facer ficción non sempre quere dicir liberar a fantasía. Neste caso, o que fago é ficcionar a realidade que me rodea e darlle a forma que a min me parece máis oportuna. Ao longo do libro tócanse temas ás veces duros, como o da inmigración, os malos tratos ás mulleres, a precariedade laboral, a violencia contra a infancia… E tamén outros máis xenéricos, como o abandono ou a soidade. Son temas que forman parte do mundo que nos rodea e que a min me preocupan especialmente. Por iso, os anxos que aparecen na portada do libro non teñen ás nin prumas: teñen púas para se defender dunha sociedade que lles resulta hostil, que os agrede.
É o seu segundo libro de relatos, pero tamén publicou novela, teatro, biografía… ¿En que xénero se sinte máis cómodo?
Considérome bastante flexible nese aspecto, pero á hora de enfocar un traballo é a propia idea inicial a que suxire o xénero que vou empregar, mesmo o estilo. Cada un deles ten as súas propias particularidades e, en función do tema elexido, decantareime por un ou outro. Os relatos breves danme máis marxe para determinados xogos de estilo, para empregar máis recursos narrativos, para cambiar de personaxes, de narradores, de escenarios… En definitiva: para xogar co propio relato. É unha maneira de sorprender ao lector que, deste xeito, nunca sabe o que se vai atopar no conto seguinte.
Vostede é xornalista e no libro hai un relato que fala de xornalismo. ¿Hai que falar do que se coñece?
Resulta máis doado falar do coñecido pero, se non é o caso, para suplilo sempre está a documentación e tamén a imaxinación. Noutros relatos trátanse temas que eu non vivín en primeira persoa, pero que están aí e que me preocupan e, polo tanto, infórmome e escribo sobre eles. De calquera xeito, ese relato en concreto foi unha especie de catarse contra un xeito de entender o xornalismo que eu considero nocivo para a miña profesión: a mercantilización da información, o sometemento a empresas poderosas, a grupos de presión, a partidos políticos, a ideoloxías… Nunca crín no xornalismo panfletario. A misión do xornalista é informar; para educar xa están os colexios.
Vostede coordinou para o Concello un ciclo de presentacións de libros, o “Venres D_Letras” que, de súpeto, desapareceu. ¿Non vai volver?
Non desapareceu, pero dende que se iniciou o ciclo sempre o suspendemos durante o verán, porque hai Feiras do Libro por moitos lugares dos arredores, a xente está de vacacións, hai moitísimas actividades culturais en Ponteareas… Normalmente retomabamos o ciclo coa chegada do outono. Este ano retrasarémolo un pouco pero, se non hai contraorde, vai ser retomado de cara a xaneiro.
¿Como ve vostede o futuro da literatura galega?
Moi prometedor. Hai unha morea de autores e, sobre todo, autoras novas, que lle están a dar un pulo enorme. Publícase moitísimo e moi variado e calquera lector pode atopar unha chea de libros galegos do seu interese, porque xa se están a tocar todos os xéneros e estilos e cunha calidade da que nos podemos sentir orgullosos. Non temos nada que envexarlle a ningunha outra literatura do mundo. O único que necesitamos é un pouco máis de confianza en nós mesmos. E tamén ampliar o número de lectores en galego, que segue a ser moi, moi baixo…