Cadernos da viaxe.
“España es Madrid y Madrid es España”, Díaz Ayuso dixit. A chave territorial do supremacismo castelán, hoxendía convertido no supremacismo dun Madrid que xa papou Castela enteira e vai camiño de papar a península ibérica toda, estrutura a propia fasquía dos valores imperantes nunha política e nunha sociedade, afastándoos dos propios da democracia liberal. Polonia e Hungría, cando non Rusia ou China, non están tan lonxe.
A comezar polos dereitos fundamentais da persoa como é o voto. Son- somos- neste País e no Estado todo millóns os que votan por forzas non estatais. BNG, PNV, Junts, ERC, EH Bildu, CUP e Compromís quitan o 11% dos votos e 38 sobre os 350 deputados no Congreso estatal. E seica todas estas son opcións ilexítimas, que non poden sumar para constituir unha maioría, quer de investidura, quer de lexislatura, quer de goberno. Semella que só 312 das 350 contan para investir, lexislar e gobernar. Seica as persoas que os votan non teñnd ereito a formar maiorías de goberno.
A seguer pola lingua. Sabido é que vivir en galego é imposíbel na Galicia, mais tamén vivir en euskera ou catalán noutros lugares do Estado. Semella que todo o que non sexa castelán omnipresente e obrigatorio (o noso sempre é voluntario e subordinado) é de xente revolta ou de mal vivir. Ou, polo menos, de rariños e repunantiños.
“Sabido é que vivir en galego é imposíbel na Galicia, mais tamén vivir en euskera ou catalán noutros lugares do Estado”
Mentres, deféndese dende o Deep State a ilegal infiltración de polícias en organizacións sociais e cidadás e a espionaxe Pegasus a respecto de avogados e políticos. Continúa a implacábel aplicación do Dereito penal do Inimigo aos soberanistas cataláns, co Supremo interpretando que existe unha malversación agravada, cando non existiu ese arrequecemento persoal ou a prol de terceiro que o Dereito Internacional e o anovado Código Penal español esixen para esa malversación agravada. Dende o outono de 2018 é continúa a interpretación retorta dos Dereitos Penal e Procesual para perseguir persoas qu con máis ou menos acerto só fixeron política allea a todo acto de violencia ou intimidación.
Na Galicia, mentres, sofrimos nidias manifestacións de tratamento colonial (hai e houbo colonias europeas, lembren a Irlanda británica do século XIX, arestora independente e primeiro país europeo en crecemento económico).no mantemento de estruturas extractivas como a fábrica de ENCE, a enxurrada eólica ou unha peaxe obrigatoria na nosa fulcral vía de conexión intraterritorial do País, a AP-9, cando as ciudades castelás e andaluzas están unidas entre si por autovías de balde.
Cando o democrático sería o illamento social e político da extrema dereita de Vox (clara ameaza para os nosos dereitos políticos, culturais e sociais) as grandes media madrileñas, o deep state e as forzas políticas estatais normalizan e branquean á devandita extrema dereita e deslexitiman aos que son diferentes na súa referencia nacional. Como se fosen-fósemos-cidadanía de segunda.