Pontevedra | A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manterá este mércores unha axustada axenda en Oviedo para a promoción do destino #PontevedraProvincia. Deste xeito, ás 11.00 da mañá terá lugar a presentación da campaña cos atractivos turísticos da provincia no Eurostars Hotel de La Reconquista e, xa pola tarde, a gastronomía das Rías Baixas será a protagonista da gala solidaria en beneficio da “Fundación Mensajeros de la Paz”.
A primeira cita da xornada de promoción en Oviedo terá lugar ás 11.00 da mañá onde a presidenta da Deputación, da man do alcalde a cidade asturiana e doutras autoridades, dará a coñecer os atractivos turísticos de Rías Baixas, centrándose na campaña “Somos historias” e nalgúns dos puntos en común entre Asturias e a provincia de Pontevedra. Ademais da presenza das autoridades locais e do Principado, á presentación do destino Rías Baixas asistirán, unha vintena de turoperadores, así como medios de comunicación e axentes turísticos. Xunto á presentación da campaña, Carmela Silva tamén manterá reunións de traballo nas que se abordarán cuestións relacionadas coa innovación e a xestión intelixente dos destinos turísticos, eixos nos que a institución provincial está a traballar activamente.
Xa pola tarde, ás 20.30 horas terá lugar a Gala Solidaria no Eurostars Hotel de La Reconquista a favor da “Fundación Mensajeros de la Paz”. Nesta gala, a provincia de Pontevedra terá un especial protagonismo xa que os produtos que se van degustar proceden das Rías Baixas. Máis polo miúdo, servirase polbo, vieiras, lenguado e un postre a base de Albariño. O viño será tamén da DO Rías Baixas e irá etiquetado co lema da campaña promocional da Deputación de Pontevedra “Somos historias”.
Para a Deputación de Pontevedra o público asturiano é preferencial xa que Asturias se trata dun grande emisor de visitantes á provincia. Amais, segundo os estudos realizados por Turismo Rías Baixas, o público do Principado valora moi positivamente aspectos da nosa provincia como son a cultura e a gastronomía.