Somos o que lemos, o que escoitamos e o que vemos.

O pasado mes de setembro titulabamos o editorial “Hoxe vai de medios”. Daquela apenas me metín nas tripas do mundo informativo. Prometín volver sobre o tema para tratalo máis a fondo porque hai moita tela que cortar no eido das informacións.

Hoxe tomando como leitmotiv os acontecementos que estamos a vivir na política española atrévome a solicitarlles unha breve paréntese para chegar ao miolo da cuestión dunha maneira didáctica, non xornalística, como se dunha lección de política práctica se tratara.

Descúlpenme polo atrevemento. Debe ser iso que chaman deformación profesional. Logo de 40 anos impartindo clases ás veces non podo evitar esta inclinación.

Hoxe vou comentar con vostedes, amigos lectores, as miñas impresións sobe o que estamos vivindo no eido da política estatal, autonómica e, por que non, municipal.

Cando me atopo nalgún tipo de faladoiro ou comentario de taberna sempre me pasa igual. Cando escoito alguén falar cunha profundidade que asusta sobre os temas que diariamente nos preocupan: aumento de soldos, dereitos laborais, inflación, corrupción, etc. e comprobo como os tertulianos descualifican con rotundidade aos políticos, non podo menos que preguntarlles, “Ti que sabes deste asunto? Que fontes de información son as túas? Que libros sobre o tema tes na túa mesa de noite?”. Como habitualmente as respostas son peregrinas remato o conto cunha sentencia na que creo de verdade: mira, amigo, amiga, para facer afirmacións sobre algo hai que ter información suficiente e variada sobre ese tema. Se como parece a túa información procede dos xornais pesebristas que tes sobre os mostradores dos bares e cafetarías, ou sobre o que escoitas en programas de radio e televisión que todos sabemos quen os paga, mellor estate calado ou calada. Porque sen unha boa información non é posible ter unha mínima opinión válida.

Aquí é onde eu quería chegar.

Os que xa peiteamos ruzas tempos ha, os que viñemos ao mundo aló polos primeiro anos da posguerra, os que medramos e nos formamos no máis miserable escurantismo, aínda estudiando unha carreira, sabemos que sen unha profunda formación e información non se pode opinar sobre o que está pasando non só nesta pel de touro que chamamos España senón no resto do mundo. Porque como di o refrán “en todos os sitios cocen fabas”.

Os estudantes dos anos 60 ou 70 do século pasado, vivindo baixo as botas dun miserable militar, que Deus confunda se aínda non o fixo, non tivemos acceso a fontes de información minimamente fiables. Aínda hoxe, máis de medio século máis tarde, a información que reciben os estudante resulta de todas formas insuficiente. Ás veces resulta nula ou manipulada, que aínda é peor.

Tivemos, aqueles que fomos sempre inconformistas, que buscarnos as lentellas para facernos cunha información minimamente aceptable, decente. Aínda así seguimos orfos de certas fontes que din sería perigoso abrirlle a billa. Seguen a considerarnos menores de idade para comprender as miserias humanas daqueles que tivemos que soportar como dirixentes políticos ou económicos. Aquí tamén temos que incluír aos dirixentes morais, lease sacerdotes e predicadores relixiosos.

“Pero hoxe vemos con estupor, con rabia e con pena, como os medios de comunicación existentes (hoxe estamos rodeados de opinadores indecentes, deshonestos, miserables), tratan de condicionar as nosas ideas, as nosas interpretacións do que ocorre como se foramos menores de idade”

Pero hoxe vemos con estupor, con rabia e con pena, como os medios de comunicación existentes (hoxe estamos rodeados de opinadores indecentes, deshonestos, miserables), tratan de condicionar as nosas ideas, as nosas interpretacións do que ocorre como se foramos menores de idade. Pero é que neste campo si o somos porque o noso desenvolvemento intelectual nos pasa da infancia.

Escoitar a un xubilado criticar ao goberno actual sobre as pensións resulta insoportable. Non se trata aquí de defender ao actual goberno (eu só votei socialista nunha ocasión alo polos anos setenta nun dos gobernos de Felipe González, que nada tiña que ver co actual, obviamente), polo que non se me pode acusar de parcial. O que si me alarma e me pregunto como pode ocorrer que un xubilado coma min poida estar en contra das medidas recentes tomadas polo goberno neste eido. Nos gobernos anteriores a min aumentábanme cada ano a pensión o equivalente a un café cada día, cando o café custaba 1 euro, porque hoxe xa non me daría para tanto. Sen embargo actualmente na última subida xa me da para un par de cafés diarios e unha cañas de cando en vez. Logo por que os millóns de xubilados que se veñen beneficiando destas medidas están en contra do goberno? Será porque son moi de dereitas e non aceptan un goberno que se di de esquerdas porque realmente, créanme, para min o actual goberno de esquerdas ten ben pouco, pero vale. Será por iso?

Logo se falamos do mundo laboral, que podemos dicir? Cando un goberno neste país tomou tantas medidas en favor dos traballadores e aínda dos parados? Millóns de cidadáns viron como os seus dereitos polos que viñan pelexando dende tempos xa pasados se viron aceptados e mellorados: soldo mínimo interprofesional, pago de baixas por enfermidade, axudas á conciliación das parellas, becas escolares, etc. etc. Que había nos gobernos anteriores neste mundo do traballo e da vida social?

Por iso sigo afirmando que nesta nosa terra e nas terras que nos arrodean o que falta é información decente e verdadeira. O que faltan son medios de comunicación non pesebristas que digan o que ocorre de verdade, sen que isto queira dicir que non debamos criticar aos gobernantes actuais. Pero eu estou plenamente seguro que se algo temos que criticar non é polo mal que o están facendo senón polo medo que teñen a facer aínda máis cousas en beneficio dos máis necesitados porque aínda non foron quen de quitarse de enriba o medo as botas dos cuarteis militares que agora, nos tempos modernos non están precisamente nos cuarteis senón nos despachos das grandes multinacionais, dos lobbys, dos bancos, dos multimillonarios que gañan nun día o que un traballador en todo a súa vida pero que pagan menos impostos que ese humilde traballador.

Por que, logo, escoitamos esas afirmacións tan peregrinas, tan prexudiciais para unha sociedade libre e decente? Porque os cidadáns que non pisan unha libraría en todo o ano, que non son que de subscribirse a medios de comunicación non dependentes dos poderes fácticos, están alimentados polo que ven neses nefastos programas televisivos, polo que len nos xornais que gratuitamente teñen a súa disposición en bares e cafetarías, por esas emisoras de radio e por eses infectos youtubers (ou como se diga) que constantemente lles están comendo o coco para beneficio propio. Aí teñen ao último, Alviste, que descubrimos non era máis ca un home sen escrúpulos que enganou a todos os seus oíntes e espectadores. Vai servir de exemplo para abrirlle os ollos aos millóns de cidadáns que cren nas súas mentiras e embustes? Moito me temo que non. E así nos vai.

Sexan felices. Lean novelas de amor como nos tempos dos nosos avós pero non se fíen dos vendedores de crecepelo que só lles interesa medrar a costa dos seus apoios. O país impórtalles un rábano.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»