Ribadumia/Somos Ribadumia | Se o alcalde David Castro pretendía que o pleno extraordinario forzado pola oposición pasara desapercibido convocándoo para as once da noite, non vai ter sorte, porque este pleno, tanto polo ton e as formas dos Independientes, como polas declaracións do propio alcalde, vai pasar a historia, e dende logo para Somos Ribadumia supón un cambio de paradigma nas relacións institucionais con IR, unha forza que xustifica o uso da violencia.
“A moción de reprobación, tal e como xa se explicou, foi asinada por cinco concelleiros de tres forzas políticas, que supón o total da oposición, e case a metade da corporación municipal”
A moción de reprobación, tal e como xa se explicou, foi asinada por cinco concelleiros de tres forzas políticas, que supón o total da oposición, e case a metade da corporación municipal. A presentación do texto realizouna o voceiro do partido con maior representación, que reafirmou a postura dos asinantes en canto aos feitos que se debían tratar, isto é, as declaracións e actitudes de David Castro ante os ataques sufridos por Enrique Oubiña a noite do 5 de xuño, e ante as cales David Castro calou ata a noite de onte, aínda que a vista do que dixo, máis lle valera seguir calado.
Enrique Oubiña evitou durante a única intervención que se lle permitiu realizar, personalizar o debate, e centrouse en poñer de relevancia dúas cuestións. Por un lado, que feitos como o desa noite non son casuais, e son froito dunha campaña de odio mantida no tempo . “Esas dúas persoas coas que non teño ningún tipo de relación e de feito a un deles nin sequera o coñezo, actuaron así porque alguén lles quentou antes a cabeza. E eses son os comportamentos que compre erradicar de raíz, porque se non irán a máis, e acabaremos por ter un desgusto. Desta vez tocoume a min, pero da próxima pode tocarlle a calquera concelleiro ou concelleira da corporación ou mesmo calquera familiar ou persoa identificada politicamente ”.
Oubiña recordoulle aos concelleiros e concelleiras de IR a súa historia política e que xa anos atrás en Ribadumia, por culpa das súas formas, se viviu un tempo de tensión política levada ao ámbito persoal que fixo que a convivencia en Ribadumia fora moi difícil. E pediulles que evitaran volver a esa situación. “Tentei facerlles ver, sen moita sorte, que a violencia unha vez acesa non se pode controlar e sempre ven de volta. Pero ademais aquí somos todos veciños e veciñas, e non pode ser que pretendan que vivamos enfrontados so por non ter as mesmas ideas políticas, nin ter a un concello dividido entre os deles e os outros”.
Por outra banda Oubiña dirixiuse aos concelleiros para recordarlles tamén as súas responsabilidade como representantes da veciñanza, e que debían actuar como formación política, non como unha familia siciliana, e tomar medidas que deixaran claro que IR non está nin a favor da violencia, nin dos comportamentos que non sexan os que se agardan nun alcalde.
Pero todos os alegatos e intervencións tanto de Enrique Oubiña como do resto de concelleiros do resto de grupos da oposición a favor de recuperar a normalidade política e evitar levar as diferenzas políticas ao plano persoal, tropezaron cun muro de arrogancia. Dende IR non so non rectificaron ningunha das posturas amosadas polo alcalde, senon que deron un lamentable espectáculo, xogando ao despiste, afirmando unha cousa e despois a contraria, falando de ir aos xulgados e mareando con historias que non viñan a conto, centrando os ataques na persoa de Enrique Oubiña, chegando incluso a menosprezar ao resto de membros da oposición.
Pero ademais, e isto foi o máis lamentable, e o que vai marcar unha diferenza nas relacións co goberno cando menos pola nosa parte, foi que David reafirmouse en todas as súas declaracións anteriores de desprezos a un concelleiro elixido tan democraticamente como foi elixido el.
“E máis lamentable foi, se iso é posible, que a hora de condenar os actos violentos en torno aos que xiraba o debate, no canto de amosar unha postura contundente, (David Castro) dedicouse a xustificar eses actos con todo tipo de argumentos peregrinos”
E máis lamentable foi, se iso é posible, que a hora de condenar os actos violentos en torno aos que xiraba o debate, no canto de amosar unha postura contundente, dedicouse a xustificar eses actos con todo tipo de argumentos peregrinos como, citamos textualmente “eses boletíns que manda Somos Ribadumia son unha incitación”, en referencia aos nosos boletíns informativos, “onde en ningún caso se incita nin a violencia nin a ningún tipo de conducta, pero que ao alcalde amárganlle o café, e non hai pleno que non fale deles”.
Dende Somos Ribadumia non imos afondar nas barbaridades escoitadas onte da boca de David Castro e de Pilar Martinez, porque basicamente non hai por onde collelas, pero convidamos á veciñanza a ver a gravación do pleno que está colgado na paxina de youtube do concello, e que saquen as súas propias conclusións.
Pola nosa banda, so diremos que en conxunto esas intervencións son outro exemplo de chulería, de soberbia e de crerse por enriba do ben e do mal da que IR, e en particular David Castro, están facendo moita gala nos últimos meses, ademais dunha total falta de respecto ao resto de forzas políticas e ao conxunto da nosa veciñanza, que estamos seguros que ten outra idea de cómo deben comportarse os nosos gobernantes.
Para rematar a faena, David Castro nin sequera votou en contra da reprobación á súa persoa, un comportamento totalmente ridículo. “Alguén debería explicarlle dunha vez a este home o funcionamento dos plenos e do sentido do voto, e que se non votas en contra de algo pódese interpretar que estás a favor”.
“Para rematar a faena, David Castro nin sequera votou en contra da reprobación á súa persoa, un comportamento totalmente ridículo”
O resultado da votación foi de 5 votos, os de todos os membros da oposición, a favor de reprobar a David Castro polos seus comportamentos e declaracións públicas, e de instar a IR a tomar medidas para poñer coto aos comportamentos inadecuados dentro do seu partido.
7 concelleiros e concelleiras de IR votaron en contra, do cal se desprende que aproban estes comportamentos, que para nos son inaceptables en política. Para Oubiña “se a alguén lle quedaba dúbida de que esta xente son uns camorristas que so se comportan máis ou menos ben cando a democracia lles pon un collar, onte esas dúbidas quedaron despexadas por completo”.
Dende Somos Ribadumia queremos reafirmarmos na nosa condena e oposición a calquera tipo de violencia, veña de onde veña e vaia contra quen vaia, e no noso compromiso cos funcionamentos democráticos.
Queremos deixar claro que non imos entrar nese tipo de dinámicas ás que IR que levar a todo o concello, e facemos un chamamento a veciñanza para que faga oídos sordos das campañas de acoso e derribo lanzadas dende IR.
Queremos amosar todo o noso apoio a Enrique Oubiña e ao resto de concelleiros do Psoe e do PP que onte tiveron que ser espectadores obrigados do lamentable espectáculo protagonizado por IR.