Ribadumia | Cada vez que dende Somos Ribadumia consultamos a situación do noso concello ante o resto de administracións, levamos unha sorpresa. Tal como explica Enrique Oubiña: “Se fai unhas semanas descubríamos que David Castro perdeu case medio millón de euros en dúas liñas da Deputación polas súas chanchulladas e a súa neglixencia, esta semana encontrámonos con que o Consello de Contas de Galicia, o órgano que fiscaliza as contas da administración autonómica e dos Concellos, declarou a Conta Xeral do ano 2019 do noso concello como “non presentada”, con todas as consecuencias que poida traer para Ribadumia”.
No seu último informe o Consello de Contas incluíu Ribadumia na lista dos únicos catro Concellos de Galicia cuxas Contas Xerais presentan defectos graves. “É máis, o propio informe deixa claro non so que as contas teñen deficiencias, senón tamén que a pesar de térselle requirido a subsanación das mesmas, David Castro, fiel ao seu estilo, nin subsanou nin respondeu aos requirimentos do Consello de Contas”.
A sentenza do Consello de Contas é clara, e literalmente di o seguinte: “A non subsanación destes defectos, pese á petición neste sentido feita polo Consello de Contas aos respectivos contadantes, determina que os mesmos sexan os responsables das posibles consecuencias que poidan producirse para a entidade, xa que a omisión deste trámite implica a consideración de conta non rendida”.
O feito de considerar a conta como non rendida pode ter consecuencias directas para o noso concello, pois este incumprimento supón o bloqueo das liñas económicas da Xunta de Galicia, que no caso de Ribadumia superan o millón de euros, e que van dende as axudas para emerxencia social ou SAF, pasando por plans de emprego, apoio ao deporte e a cultura, ata calquera plan anual como o MARCO ou outras liñas de axudas puntuais.
“E David Castro debe pensar como pensou da Deputación que as normas se establecen para os demais e non para el, pero de todas as cousas que se lle pode criticar á Xunta, o incumprimento desta norma non é unha delas, e dende a entrada en vigor do decreto a finais de 2011, varios concellos viron como se lle retiñan os fondos por non cumprir as súas obrigas”.
Incumpridor ante o goberno central.
Cabe sinalar que ademais do expresado, o goberno local tamén figura na lista de Concellos que non cumpriron co período medio de pago a proveedores. Este incumprimento, motivado por “superar os días medios de pago global a proveedores superior a trinta días segundo a información suministrada ao Ministerio de Facenda e publicada, correspondente a algún dos meses de decembro de 2020, marzo ou xuño de 2021, e referido só a eses meses”, e que pode rematar por obrigar ao concello a elaborar un plan de axuste, supón un exemplo máis do inexistente control do goberno local sobre as contas municipais e os funcionamentos administrativos, e iso tento en conta de que unha das tres liberacións do noso concello correspóndenlle precisamente a Concelleira de Contas , Pilar Martínez.
Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados pola actitude de deixadez e desidia do goberno local, que xa nos levou a perder importantes axudas económicas e que ainda que os fondos directos non se perden, si pon en risco o cumprimento do orzamento do noso concello e dispor dos fondos para facer fronte a cousas imprescindibles como a emerxencia social, a axuda no fogar, así como as nóminas de varias traballadoras do concello, e pode supor perder outros investimentos non menos importantes por ser expulsados das convocatorias por non cumprir os requisitos.
Pedímoslle a David Castro que asuma as responsabilidades como alcalde e de maneira inmediata faga as xestións oportunas para solventar estas situacións ante o Consello de Contas e o Goberno Central, e evite males maiores.