Ribadumia/Somos Ribadumia | O goberno de David Castro parece encirrado en abandonar dun xeito progresivo o noso concello, pero destrozar polo camiño os principais atractivos locais, con actuacións que son auténticos atentados medioambientais.
Nas últimas semanas, en plena ola de temporais, ao goberno local, tal como explica Oubiña, “non se lle ocorreu mellor cousa que realizar unha poda esaxerada e bárbara no tramo da Ruta da Pedra e da Auga que transcorre por Barrantes, coincidinte coa variante espiritual do Camiño de Santiago, no quilómetro máis visitado cada ano no noso concello por xente de fora de Ribadumia, e que nestes meses de pandemia tamén veu incrementada exponencialmente o número de veciñas e veciños que pasean ou fan deporte pola mesma”.
Porén, se non era bastante coa poda, que dende Somos Ribadumia interpretamos que consistiu, como xa aconteceu cunha roza realizada na primaveira pasada que denunciamos no seu momento, na aplicación dos criterios de xardinaría do alcalde ou dalgunha das súas concelleiras ou máis probablemente de quen dirixe o partido, a unha contorna natural, resulta que o goberno nin sequera se preocupou de ordenar retirar todos os restos da poda, deixándoos á beira do río, co perigo de que os arrastre a auga e provoque atrancos e desbordamentos innecesarios, e no medio de fincas privadas, e que por moi colaboradores que sexan os propietarios, non merecen que como agradecemento a broza lles quede semanas coa herba medrando polo medio.
Dende Somos Ribadumia presentamos un escrito o pasado 10 de febreiro solicitando que se nos facilitasen os informes técnicos que xustifican esa maneira de actuar nunha contorna natural que debe ser protexida con moito mimo, e onde tamén advertiamos de que os restos das podas estaban sen retirar. A resposta do goberno foi “que se van realizar uns informes, e que nos trasladaran nalgún pleno, non quedou claro en cal. Pero pola nosa banda temos moi claro que os informes hai que realizalos antes de cometer atrocidades como esta, non despois”.
Á vista da situación, que ademais é recorrente e que “pon en perigo tanto o hábitat natural e os bosques de ribeira, como o propio reclamo turístico, xa que os intereses das persoas que viaxan son, e cada vez máis, a busca de espazos protexidos vivos, non xardíns de arbores podadas que rematan por non ter paxaros nas ponlas nin animais nos regatos de debaixo”, da resposta do Concello, e tendo en conta que existen varias ordes da Xunta e de Europa que protexen este tipo de habitats, imos valorar realizar outro tipo de xestións, e que sexan outras administracións as que obriguen ao goberno local a actuar do xeito que a estas alturas do século XXI debería ser o normal.
Parálise no mantemento municipal
Esta actuación súmase ao conxunto da xestión do goberno local, que ten ao servizo de mantemento totalmente abandoado a súa sorte. Como explica Oubiña, “non hai mando, nin plan de actuación, nin nada que se lle pareza. Ademais paralizáronse os tractores de desbroce fai meses, retrasáronse as podas das árbores dos espazos públicos urbanos, que comezaron esta semana cando con nos no goberno se realizaban en outono. Ademais o mantemento do material urbano, bancos, papeleiras, elementos decorativos, brilla pola súa ausencia”. E a todo isto hai que sumarlle o abandono que xa denunciamos en varias ocasións doutras instalacións municipais e dos parques infantís e outras zonas de esparcemento.
Dende Somos Ribadumia lamentamos que logo dos esforzos realizados na pasada lexislatura para dotar ao Concello de maquinaria de todo tipo, que facilitara, abaratara e axilizara as labores de mantemento, agora a nula xestión dun goberno que nos últimos meses esmoreceu por completo, nos leve a ter parados os mais de 250.000€ investidos en material e a que o concello ofreza unha imaxe lamentable.