Ribadumia | Cando no pasado mes de abril o pleno municipal debateu o orzamento para este 2021, o noso voceiro Enrique Oubiña puxo de manifesto algo do que non se había informado, que era a redución dun 50% do convenio con BATA, pasando de traballar no noso concello todo o ano, a facelo de abril a setembro, e sen garantías de que se vaia a renovar de cara ao 2022.
“Dende o ano 2012, o Concello de Ribadumia ven mantendo o convenio con BATA, unha entidade de atención, formación e integración das persoas que teñen Trastorno do espectro do Autismo (TEA)”
Dende o ano 2012, o Concello de Ribadumia ven mantendo o convenio con BATA, unha entidade de atención, formación e integración das persoas que teñen Trastorno do espectro do Autismo (TEA), a través do cal se financia o traballo dunha cuadrilla – tres operarios e un responsable da entidade – para realizar obras e servizos de limpeza, mantemento e conservación de espazos naturais de uso público.
E dende ese 2012 ata este 2021 ese convenio, que inicialmente contaba cun orzamento de 6.054,02€ e 9 meses de servizo, foi aumentando paulatinamente, primeiro no 2013 a 10 meses e logo no 2016, sendo concelleiro de política social e urbanismo Enrique Oubiña ampliouse a períodos anuais, cun orzamento que chegou aos 9.272,64€.
Esta última ampliación ademais de mellorar o grao de integración dentro do colectivo municipal destas persoas, supuxo integrar de maneira estable a esa cuadrilla no servizo de xardinería, que neste concello levaba anos traballando baixo mínimos, un reforzo que redundou dun xeito evidente no coidado dos espazos verdes do noso concello, e tamén no sentir deste colectivo, que se veu máis integrado dentro da familia de traballadores municipais, algo que para esas persoas é de gran importancia.
As actuacións de BATA, un colectivo polo que Enrique Oubiña apostou decididamente, non se limitaron ao convenio referido. En varias ocasións foron requiridos os seus servizos para realizar labores de reforzo do mantemento dos espazos públicos, ou como en outubro de 2016, para a limpeza do Monte do Castro, un traballo minucioso nun entorno complexo con moitos meses de abandono enriba, que foi realizado con gran profesionalidade e que foi posto en valor tanto polos socios de goberno como pola oposición.
“Non se entende a decisión do alcalde David Castro de reducir este convenio, que por menos de 10.000€ ao ano permitía ter a un grupo de persoas que, aínda que so veñen un día a semana, aproveitan moi ben o tempo e realizan unha importante labor”
Por todo o exposto non se entende a decisión do alcalde David Castro de reducir este convenio, que por menos de 10.000€ ao ano permitía ter a un grupo de persoas que, aínda que so veñen un día a semana, aproveitan moi ben o tempo e realizan unha importante labor, moi necesaria no noso concello. O estado de abandono que vimos nos nosos espazos verdes públicos dende xaneiro ata o mes de abril cando foron chamados para reincorporarse, foi esclarecedor a este respecto, polo que mais aló do social, esa decisión resultou funesta dende o punto de vista da xestión municipal.
E isto non é algo que solo vexamos dende Somos Ribadumia. Dende que BATA comezara a dar servizos aos concellos no 2012, a súa actividade e os convenios cos diferentes concellos da comarca e con outras entidades, tanto públicas como privadas, foi en aumento. Tanto é así que o Concello de Ribadumia ten a mala honra de ser o primeiro e único Concello que recortou o convenio con este colectivo. E nin sequera falamos dun recorte de importantes repercusións económicas, pois estamos falando de 4.000 € de diferenza, que pola contra deixan a este colectivo nunha situación peor que cando foron contratados por primeira vez no mandato de Salomé Peña. Ademais de todo o dito, non podemos esquecer a lexislación vixente que obriga ao concello a dotar dun 2% de postos de traballo para estes colectivos, unha norma que se viña suplindo a través deste convenio.
“Dende Somos Ribadumia entendemos que é un erro de xestión recortar este convenio”
En resumo, indo máis aló da función exemplarizante que as administracións públicas deben ter en canto a integración dos colectivos máis desfavorecidos, dende Somos Ribadumia entendemos que é un erro de xestión recortar este convenio, que penaliza o mantemento dos nosos espazos públicos e satura o servizo de parques e xardíns do concello, e que deixa ao concello comprometido en canto ao cumprimento da lexislación laboral.
Por todo o exposto, o pasado 7 de xuño, con tempo de sobra para o seu debate antes do pleno ordinario que se debe celebrar este 1 de xullo, presentamos por rexistro unha moción para por en valor o traballo deste colectivo e propor ao goberno a través do pleno a ampliación do contrato que vence en setembro ata finais de ano, e recuperar posteriormente o carácter anual do convenio.
Pasamos tamén unha copia da moción ao resto dos partidos da oposición, para darlles tempo a valorala e a facer aportacións se así o consideran, e temos a confianza de que, se non ante proposta de Somos, si ante os feitos e as evidencias do exposto, o goberno terá a ben aceptar os termos da moción e corrixir esta situación.