Ribadumia | No pasado pleno municipal, o goberno local levou para a súa aprobación o tramo final das axudas a entidades e clubs correspondentes ao ano 2020. Un mero trámite que puxo de manifesto o evidente, que a paralización motivada pola covid impiden que a maioría das entidades desenvolveran a súa actividade con normalidade. A consecuencia disto varias das entidades, en particular as de carácter cultural viron reducida a axuda que percibiron do Concello ao non poder xustificar a realización das actividades previstas.
Esta parálise, e así o expuxo o noso voceiro Enrique Oubiña no pleno “que non é responsabilidade de ninguén, só da situación que vivimos, pode ter consecuencias negativas para estas entidades. Todas elas existen é funcionan gracias ao traballo altruísta das persoas que as xestionan, e unha parada nas actividades tan prolongada como a que estamos vivindo é posible que poña fin a algunha desas entidades, e dende logo, a vista do que temos, comentado con algunhas desas entidades, vai costar recuperar o ritmo de actividade”.
“Esta parálise, e así o expuxo o noso voceiro Enrique Oubiña no pleno ‘que non é responsabilidade de ninguén, só da situación que vivimos, pode ter consecuencias negativas para estas entidades”
Dende Somos Ribadumia, que levamos anos pedindo un aumento das partidas para colectivos culturais e sociais e para as entidades deportivas conscientes de que son moi necesarias, entendemos que os cartos que no 2020 non se entregaron debido a falta de actividade, se deben repercutir na partida deste 2021, dando así un certo estímulo a reactivación das entidades cando a situación o permita.
E iso foi o que propuxemos ao goberno no pasado pleno. Ademais eses fondos están dispoñibles pois había que telos dotados ata a aprobación final das axudas, que tivo lugar xa dentro deste ano 2021 e polo tanto non se puideron derivar a outras cuestións.
Agardamos que máis aló desta cuestión, que tería case máis un valor simbólico que económico -falamos de pouco máis de 3.000€ – o goberno de David Castro, que se nega sistematicamente a aumentar as partidas as entidades deportivas, sexa comprensivo coa situación á que se enfrontan na actualidade e corrixa a súa postura nos próximos orzamentos, pois se xa antes eran necesario ampliar a axuda a eses colectivos, agora faise case imprescindible.
Axudas ao comercio e hostalería
Tamén agardamos que no documento do orzamento, que está previsto que se aprobe na próxima semana pero ao que aínda non tivemos acceso, se inclúa por fin un plan de axudas directas aos comerciantes, a hostalería e as pequenas empresas. Non podemos esquecer que dende o inicio da pandemia o goberno de David Castro non foi capaz de presentar, nin moito menos desenvolver ningún plan de acción concreto, salvo unha liña de crédito que, tal como advertimos dende Somos Ribadumia que pasaría, non tivo repercusión , mentres os concellos da contorna destinaban miles de euros a paliar a situación dos seus negocios con plans específicos, inmediatos e, sobre todo, efectivos. Que dous meses despois de aprobarse, aínda non se mobilizaran os 14.700€ que a Deputación dispuxo para empregar no noso concello nestas cuestións, deixa moi claro que o noso goberno é calquera cousa menos áxil, e que non ten o máis mínimo aprecio polos problemas de ducias de familias que viven unha situación complicada, que posiblemente se alongue no tempo.
Dende Somos Ribadumia “volvemos insistir en que este non é ano de poñer farolas nin de andar á facer o parvo polos camiños. Temos un concello de 5.000 habitantes, enfrontados a unha situación extraordinaria que require dunha xestión á altura das circunstancias. Débense dispor axudas, axudas efectivas, para as empresas do noso concello”.