Ribadumia | No pleno da Deputación do pasado venres aprobouse formalmente a liña de axudas aos Concellos destinadas á xestión por parte dos Concellos de axudas directas a hostalería, comercio e pequenas empresas afectadas polas restricións derivadas da situación de pandemia. Xusto despois de aprobarse en pleno enviouse telematicamente comunicación a todos os concellos informándolles da disposición deses fondos, que no caso de Ribadumia ascende a 14.700€.
Dende Somos Ribadumia debemos lamentar que a pesar de que a Deputación permita para este ano 2021 que o 30% da Liña 1 do Plan Concellos, ou sexa 66.000€, poidan destinarse a apoiar aos sectores máis afectados polas restricións da pandemia, o goberno de David Castro estea totalmente desaparecido, a aínda non teña posto en marcha ningún tipo de axuda nin á hostalería, nin ao comercio, nin a outros sectores. Para Oubiña “o noso alcalde dedica o seu tempo ao fútbol, a facerse fotos con curas, regalar peches de fincas e ir aos xulgados, pero non dedica un minuto, nin moito menos euros, a axudar aos negocios do noso concello, e a situación xa se cobrou as súas vítimas en forma de negocios pechados, negocios detrás dos cales hai familias”.
A aprobación na Deputación dos fondos destinados a paliar as consecuencias das restricións pola pandemia, supón dispor de case 15.000€ adicionais, ademais non poden destinarse a outra cuestión que non sexa a referida. Ademais, na comunicación remitida xusto despois da aprobación destas axudas, a Deputación deixa moi claro que o seu uso é inmediato pois pódese pedir o adianto do 100% da cantidade concedida ademais de ofrecer axuda en caso de haber problemas de competencias – a escusa favorita de David Castro – coa xestión deses fondos.
Todo isto foi anunciado o pasado 5 de febreiro, e “debemos lamentar que o goberno local, ante este anuncio, gardara silencio dende entón – e igual que antes – no canto de anunciar aos hostaleiros, comerciantes e resto de sectores afectados que ía facer algo, que son o tipo de anuncios que agora mesmo a nosa veciñanza precisa leer na páxina do concello, e non anuncios de obras”.
Pedimos ao goberno de David Castro que deixe de mirar para outro lado e de poñer escusas, e poña en marcha un plan efectivo e inmediato de axudas directas aos sectores que están afectados por la, situación de pandemia.