Ignacio Escolar é director de eldiario.es, un dos primeiros xornais integramente dixitais. O pasado mes de decembro organizouse en Santiago de Compostela o IV Encuentro de Periodismo Iberoamericano, onde se viron os diferentes xeitos de facer xornalismo segundo países de lingua castelá. As vivencias e dificultades que ten a prensa para desenvolverse en contextos onde mesmo a liberdade e integridade persoal e física do xornalista está en perigo. Escolar aproveitou para explicar tamén como se pode organizar un medio dixital e como a día de hoxe, é a resposta á dificultade que atravesa o xornalismo en papel.
Como definirías ao público xeral que é o xornalismo independente?
Teño unha pequena definición relacionada con ter a independencia económica e independencia editorial para facer o teu traballo dunha maneira libre. Isto tradúcese en cousas moi concretas. Nós en eldiario.es presumimos de ser independientes porque, primeiro, os donos somos os xornalistas que traballamos dentro, sen termos intereses alleos ao xornalismo que facemos.
Non somos un construtor que ten un xornal para venderlle favores ao concello, somo un xornal propiedade de xornalistas. A segunda carta é que as nosas fontes de ingresos están moi diversificadas e dependen dos nosos lectores e iso dános moita liberdade. É máis doado depender de 60.000 socios que do IBEX 35. Somos independentes porque temos un medio rendible, sustentable economicamente. Cando perdes cartos co teu medio é moi difícil defenderte fronte ás tensións. Tamén somos independentes porque non temos débeda. Ter débeda é unha maneira de ser propiedade e non ter créditos dános máis folganza que outros medios lamentablemente endebedados.
“Nós en eldiario.es presumimos de ser independientes porque, primeiro, os donos somos os xornalistas que traballamos dentro (…) A segunda carta é que as nosas fontes de ingresos están moi diversificadas e dependen dos nosos lectores”
Foi difícil dar o paso e ser independente grazas á Internet?
Realmente agora, visto en perspectiva, parécenos máis doado do que pensabamos durante os primeiros momentos porque saíu realmente ben. Cando fundamos eldiario.es en 2012 non imaxinaba que fosemos capaces de construír o que levamos feito en dez anos. En certo sentido fomos obrigados a facelo, no meu caso o medio para o que traballaba pechou, eu estaba no paro, tiña outras ofertas mais non me convencía e dixen: “vouno tentar, vou ver se son capaz coa axuda doutros xornalistas son capaz de construír o meu propio medio de comunicación”. Afortunadamente saíu moi ben grazas ao apoio de moitos e moitas lectoras.
Desaparecerá o formato en papel?
Creo que o formato papel xa case desapareceu. Se vas ás cifras de OJD, o xornal que máis vende está en 50.000 exemplares de media por día. Nós temos esa audiencia nunha hora, non só nós eldiario.es, senón todos os grandes medios dixitais. Agora mesmo o 95% da prensa escrita é prensa dixital. O que le a xente faino no móbil ou no computador, non en papel. Non quero dicir con isto que a prensa en papel desapareza xa definitivamente, senón que o irmán maior da prensa escrita agora é a prensa dixital.
“O formato papel xa case desapareceu (…) Agora mesmo o 95% da prensa escrita é prensa dixital”
Con este Encontro de Periodismo Iberoamericano, que buscades transmitir sobre o traballo do xornalismo?
Transmitimos diferentes facetas máis que nada, pois non é o mesmo o xornalismo en América Latina e en países con democracias menos desenvolvidas que a nosa, se comparamos todo isto cos problemas que temos en Europa. Aquí temos problemas de independencia en relación coa sustentabilidade económica, en América Latina teñen problemas de independencia en relación coa mesma vida dos xornalistas. Alá hai xornalistas asasinados, exiliados, perseguidos penalmente, encadeados, problemas que aquí afortunadamente non se dán.
Con este Encontro de Periodismo Iberoamericano o que buscamos é poñer no mapa a prensa independente cos problemas tan asimétricos que hai en cada continente. A min dame pudor falar de problemas de independencia xornalística en España cando escoito falar os meus colegas colombianos, nicaraguanos ou mexicanos falando dos problemas que teñen alí.
Como tecedes unha rede de contactos con medios como estes para formardes este encontro?
En eldiario.es cando o lanzamos eramos un grupo de xornalistas que “buscabamos a vida”, xusto cando noutras cidades, noutros lugares había xornalistas facendo o mesmo, e decidimos colaborar. O modelo de asociación de medios de eldiario.es é iso, nós xa temos pagada unha tecnoloxía, temos xa unha marca e buscamos dar apoios a medios distintos para ver se podemos construír algo máis grande.
“Creo que somos un oficio imprescindible para a democracia”
Cal é o futuro do ou da xornalista?
Creo que somos un oficio imprescindible para a democracia. Creo que non existe liberdade sen información. De pouco serve a democracia se os e as votantes non toman decisións importantes estando ben informados. Por iso temos certa importancia, diría que hai unha relación directa entre a calidade da prensa e a calidade da democracia, onde hai unha boa prensa hai unha boa democracia, porque a última é consecuencia da primeira.
A medio e longo prazo o noso traballo seguirá sendo importante, con ameazas e riscos, probablemente con algúns papeis do que facemos agora feitos por Intelixencia Artificial. A pesar diso, haberá xornalistas dentro de cen anos igual que existen agora.