SonsRías Baixas xa prepara a súa edición 2022

Tralos cambios acaecidos na edición deste ano

Bueu | O SonRías Baixas bota o pano até o ano que vén, no que regresará no seu habitual gran formato de festival. Jordi Lauren e Berta Domínguez, o equipo que lidera o evento promovido por PlayPlan Cultural, salientaron esta mañá o bo desenvolvemento desta singular edición, “de difícil desenvolvemento pola incerteza do contexto sociosanitario”, na que SonRías se transformou nun ciclo de concertos con seis noites de música ao vivo que achegaron a Bueu, da man de 12 bandas e artistas, as propostas máis divertidas, enérxicas e contundentes do panorama musical galego e estatal.

SonRías Baixas tivo lugar do 3 ao 8 de agosto e contou no seu cartel con Kase.O, La Pegatina, Sés, La M.O.D.A., TéCanela, Tu Otra Bonita, Ciudad Jara, Travis Birds, Iseo & Dodosound, Sabela, SonDaRúa e Muerdo. Cada xornada ofrecéronse dous concertos, coa intención de achegar unha “experiencia festivaleira próxima” no Morrazo.

“Vivimos seis noites máxicas, de celebración e alegría, de sermos quen de festexar a volta e reactivación do sector da música ao vivo con seguridade; cumprindo cos protocolos que implementamos de prevención da covid-19 e coa total convicción de que o ano que vén SonRías Baixas será o gran festival que desexamos celebrar desde 2020”, apunta o tandem directivo.

Neste sentido, tanto Lauren coma Domínguez salientan o bo comportamento do público, “que cumpriu coas indicacións do dispositivo así como do persoal de seguridade”, e a quen agradecen “o seu compromiso por manter vivo o espírito SonRías”.

“Foron meses de traballo duro e complicado polo contexto e normativa cambiante, pero o apoio tanto do público como dos artistas, técnicos, veciñanza e das institucións públicas foi fundamental para poder celebrar unha edición difícil para nós pero que nunca esqueceremos”, apuntan.

“SonRías Baixas 2021 contou coa asistencia, ao longo de todo o ciclo -no que se esgotaron todas as entradas para as últimas 3 xornadas-, de 6.812 persoas”

SonRías Baixas 2021 contou coa asistencia, ao longo de todo o ciclo -no que se esgotaron todas as entradas para as últimas 3 xornadas-, de 6.812 persoas. O regreso deste evento como ciclo de concertos, coa instalación do Escenario Xacobeo 21-22 e coa implantación dun dispositivo de seguridade e prevención específico da covid-19 (coordinado polo Sergas) no Recinto Multiusos da Estacada, supuxo tamén a reactivación laboral do sector de música ao vivo.

Así, Sonrías contou coa participación de máis de 300 persoas traballadoras -entre os departamentos técnicos, artísticos, produción ou limpeza, entre outros-, o que incidiu tamén, positivamente, na contorna do espazo de celebración.

“Estamos moi satisfeitos porque SonRías amosou, un ano máis, que se vive e goza alén do escenario. É tamén un grande apoio e reforzo económico para o propio territorio nesta desescalada e no camiño de regreso á normalidade.

O seu impacto económico e social en Bueu nestas semanas segue demostrar, nun momento complicado, o positivo que é para o Morrazo e para as Rías Baixas apostar pola xeración e mantemento de emprego cultural como un sector esencial da economía”, asevera Lauren, quen agradece o apoio da Xunta de Galicia (a través do programa FEST Galicia), da Deputación de Pontevedra (a través de Rías Baixas Fest), de Turismo Rías Baixas e do Concello de Bueu.

Como peche de SonRías Baixas 2021, desde esta mañá é posible ver nas redes sociais o aftermovie ou video resumo desta última edición. Ademais de revivir algúns dos mellores momentos sobre o escenario deste festival, a peza audiovisual tamén dá conta do dispositivo de prevención da covid-19 que se implementou durante a súa celebración. O vídeo está dispoñible en https://youtu.be/odaF9_mdcuw