Tomiño | Volve o Pasaporte ADETO para premiar a fidelidade dos clientes do comercio, a hostalería e os servizos de Tomiño. A Asociación de Empresarios de Tomiño (ADETO) lanza esta campaña na que se sortearán 500€ en vales de compra para gastar nos establecementos participantes.
Para entrar no sorteo, os clientes do comercio local deberán solicitar o seu Pasaporte nos establecementos adheridos á campaña e conseguir, coas súas compras, 6 selos diferentes. Se o consiguen, terán que entregar o seu pasaporte debidamente cuberto antes do 15 de setembro para participar no sorteo.
Para aqueles que non logren os seis selos tamén haberá premio: por cortesía de Viajes Galicíes sortearase unha estancia para 2 persoas en Alto da Pousa con almorzo incluído entre todos os pasaportes incompletos que sexan entregados antes da data límite.
Esta campaña está patrocinada por Arco da Vella, Arte Peluquería, Chévere e Moldes e conta co apoio do Concello de Tomiño e ABanca e o financiamento da Xunta de Galicia.