Mondariz Balneario | O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo publicou no BOE, o pasado día 12 de abril, unha convocatoria de bases reguladoras para o “Programa de mejora de la competitividad y de dinamización del Patrimonio Histórico con uso turístico”.
Os concellos teñen un mes para presentar proxectos entre 750.000 € e 3.000.000 € para “Financiar los proyectos para la mejora de la competitividad de los destinos turísticos y potenciar el turismo cultural mediante la protección, mantenimiento y rehabilitación en bienes e inmuebles del patrimonio histórico declarados Bienes de Interés Cultural (BIC)”.
Un dos requisitos para optar a esta liña de axudas, incluídas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é executalas sobre Bens de Interese Cultural (BICs), unha categoría legal da que carecen os bens culturais catalogados de Mondariz Balneario que se atopan en mal estado de conservación: a Fonte da Gándara, a Fonte de Troncoso, os xardíns do Gran Hotel, as xanelas románicas do Bosque, o Hotel Avelino, o Hotel Roma, o Chalé Villa Flora, ou a vila histórica no seu conxunto.
A convocatoria do Ministerio está dirixida a rehabilitar Bens de Interese Cultural (BIC), unha categoría legal coa que non conta Mondariz Balneario a pesar de que o Consello da Cultura Galega (CCG) xa o pediu nun informe técnico emitido no ano 2015.
Por todo isto, SOS Fonte de Troncoso pide a todos os partidos políticos que se presentan ás eleccións municipais do próximo mes de maio que se comprometan públicamente a traballar porque a Xunta de Galicia declare a vila histórica de Mondariz Balneario como Ben de Interese Cultural (BIC) con dous propósitos fundamentais:
1. Protexer legalmente o legado histórico e cultural da principal vila termal de Galicia, xusto no ano que o balneario cumpre 150 anos de existencia
2. Abrir a posibilidade de optar a fondos europeos e estatais para rehabilitar e restaurar a súa arquitectura histórica, a mesma que lle dá identidade propia e fai de Mondariz Balneario unha vila termal única e orixinal no ámbito de Galicia e España.