Sanxenxo | Dado o contínuo desleixamento da sanidade pública que estamos a vivir no noso concello, no cal ambos centros de saúde sufriron recortes e sobrecarga asistencial nos derradeiros anos, tanto por non querer cubrir as usencias de persoal como por recortar os equipos de traballo en época estival; chegando a ter quedado o consultorio de Vilalonga sen médicos e/ou enfermaría; o centro de saúde de Baltar coa metade da plantilla tanto de enfermería como de médicos de familia, e agora mesmo sen citas para consultas, e os tres médicos que atenden, só adicados a urxencias e desprazados.
Tal é a situación de toda a área de Pontevedra -O Salnés, que o PAC de O Grove permanece, a maioría do tempo sen facultativos e as urxencias derívannas a Baltar. O Sergas, en vez de dotar de máis unidades de ambulancias medicalizadas á zona, móvennas dun lado para outro, sen ter en conta da necesidade real que existe no verán.
Así que, sin persoal nos centros de saúde e PACs, cos atascos que hai nas estradas, e sen medios para poder atender emerxencias mentras a persoa enferma vai camiño dun hospital, pasan desgrazas como a morte acaecida o pasado 6 de agosto no PAC de Baltar dunha veciña de O Grove.
Dado todo isto e moitas outras cuestións, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo (SOS Sanxenxo) CONVOCA, o próximo luns, 22 de AGOSTO ás 20,00H., no salón de Usos Múltiples de Portonovo; unha ASEMBLEA presidida polo voceiro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, o Dr. Manuel Martín; cos seguintes puntos do día:
– Situación da sanidade pública no noso concello e área sanitaria.
– Organización cara a mobilización social.
– En que consiste e como levar a cabo a recollida de sinaturas para a ILP proposta por colectivos sanitarios a entregar no Parlamento de Galicia.
– Rogos e preguntas.