O pasado ano 2017 tívonos preocupados polo que pasaba en Cataluña. Dende o goberno Central (léase Rajoy e satélites) deuse un puñetazo na mesa e mandaron parar. Suspenderon a autonomía, practicamente, meteron no cárcere un montón de dirixentes políticos e sociais (outros fuxiron e non puideron botarlles a luva) , puxéronse ao timón da Generalitat e convocaron eleccións que se celebraron o pasado día 21 de decembro.
A intención era que con estas medidas os cataláns, como nenos asustados, ían meterse debaixo da mesa e pedir perdón.Non foi así, obviamente. Os cálculos do goberno só lle funcionan cando os dirixe Montoro; aí non hai fallo. Logo, os outros, as decisións políticas rematan sendo un cúmulo de erros que como di o refrán “daquelas augas veñen estes lodos”.
Celebráronse as eleccións convocadas por Rajoy pero o seu particular “ungüento de fierabrás” (léase artigo 155 da Constitución) non lle funcionou. Os chamados secesionistas, independentistas, soberanistas (segundo conveña) non só non desapareceron do mapa político senón que voltaron conseguir maioría de Deputados para o próximo Parlamento Catalán. A marca branca do PP, léase Cidadáns, conseguiu un moi bo esultado. O PP (partido matriz din algúns) quedou no último lugar, a punto de desaparecer da política catalá.
Agora estamos á espera do que poida ocorrer. Nada bo, polo que estamos vendo, pero…é de supoñer que en Madrid, que son tan listiños eles, saiban sair do charco, da chapuza política que nos ofreceron en Cataluña.
Mentras todo o País estaba pendente do caso catalán, o goberno non daba contas de nada. Cando saia do guión político e para que a Rajoy se lle enchera a boca e presumira da boa marcha da economía. Claro que as cousas non eran, non son así como nolas pinta.
Imos darlle, queridos lectores, uns cantos datos que veñen a confirmar que “España no va bien”, nin nos tempos de Aznar nin agora.
Vexamos pois, unha cantas guindas:
1/ Acordo cos sindicatos e patronais sobre o novo soldo base. Subirá un 20% de aquí ao 2020 sempre que a economía, o PIB suba un 2,50 %. Caso de non ser así o Goberno non terá ningún compromiso para aumentar o soldo base.Curioso; Montoro non da puntada sen nó. El repartirá máis diñeiro se hai unha maior cotización de traballadores e empresarios. Falar de repartir a riqueza de maneira máis xusta non se contempla no acordo. E a xente aplaude coas orellas!! O soldo base español non chega aos 800€.
Pero fíxense nos soldos base dos países de Europa dun nivel semellante ao noso:
Francia =1.480€; Alemania= 1490€; R. Unido= 1100€; P. Baixos=1.550; Bélxica =1560 Luxemburgo =1.988 €.
Somente teñen o soldo base máis baixo Portugal, Grecia e alguns máis.
É que nesta España que vai coma un tiro temos o 20,33% da poboación en risco de exclusión social; a metade dos fogares galegos non superan os 1700€/mes; dous de cada dez residentes ingresaron en 2017 menos de 634€. En Galicia 30.000 fogares están sustentados grazas ás axudas e subsidios. Sen embargo os bancos recuperaron 7.700 millóns de euros.
Tampouco nos informou o Sr. Rajoy que dende o ano 2009 o investimento en Educación caeu un 37%; en Sanidade un 12%. Que as infraestruturas de obra civil tiveron un retroceso do 60% respecto ao ano 2007 e un 80% respecto ao ano 2009. O investimento dos concellos e deputacións segue fundida; igual que en aeroportos e zonas urbanas con caídas do 80% sobre 2007. En investimentos viarios a caída superou o 40%.
Son datos oficiais, non inventados por ningún friki que lle teña manía ao Goberno.
Para ir rematando, estes días o Sr. Montoro (o que ten a hucha dos cartos públicos) ameazou os Gobernos Autonómicos con non ingresarlles nada a conta neste anos mentras non lle aproben os Orzamentos do Estado. Si claro; sóalles a unha chantaxe, non si? Obviamente, é unha asquerosa chantaxe. Claro que ao País Vasco isto non lles preocupa. Eles, como deberamos ter nós tamén, teñen realmente competencias como Goberno. É o Sr. Montoro quen ten que esperar a que a Caixa dos Cartos vasca lle transfira o que ao Goberno Central lle corresponda polo seu investimento naquela Comunidade. Era isto, precisamente, o que pedían os cataláns nos últimos anos; pero, claro…quen manda manda e así lles vai.
A pregunta que todos nos facemos é: por que non nos din a verdade?, por que non nos din a que petos vai parar esa mellora da economía española? ; porque está claro que á maioría da poboación non; porque está claro que se aumenta o nivel de familias en exclusión social é porque aos seus petos non chega esa abundancia.
Pero así seguimos; á Sra. Merkel, á Banca e aos Fondos de Buitres hai que telos contentos.
Diante da chamada desesperada de Luis de Guindos acudiron como hienas a meterlle o dente ao capital español. O máis insaciable foi o fondo Blackrok. Tamén acudiu, animado por Felipe González, o mexicano Carlos Slim para facerse co emporio de FCC e de Aqualia (a maior distribuidora de auga de España). Din que nestes momentos tenlle botado o ollo a Repsol.
En poucos anos e a prezo de saldo os fundos estranxeiros fixéronse co control de 19 das 35 empresas do IBEX. Por non falar do control practicamente total que as multinacionais estranxeiras exercen nas máis importantes empresas do sector industrial, así como os fundos norteamericanos sobre o patrimonio inmobiliario herdado das Caixas de aforros. Recentemente o BBVA vendeulle as fondos USA o seu patrimonio inmobiliario de 70.000 inmobeis a prezo de ganga.
As eléctricas Endesa, Enaás ou Iberdola xa pasaron a mans estranxeiras. Blackrock é o primeiro accionista dos bancos Santander e BBVA. Tamén controla DIA, Ferrovial, Repsol e Iberia. En canto a CEPSA xa pertence total mente ao fundo IPIC de Abu Dhabi.
Non se escapan a esta rapiñada os medios de comunicación como Mediaset, Antena 3 con PRISA á cabeza.
Toda esta venda en forma de saldo do país comezou con Felipe González (lembran ao seu Ministro de Economía, Sr. Solchaga, que afirmaba que España era o país europeo no que se podían facer os mellores negocios), continuou con Aznar, seguiu con Zapatero e, claro, Rajoy non ía ser menos.
Pregunta do millón: quen manda realmente neste país?, de que somos donos os españois? Vostedes mesmos poden darse a resposta.
Que o 2018 poidan ser felices coas pocas cousas que nos permiten desfrutar. Ás veces, cando realmente somos felices, de poucas cousas precisamos.