Taller de defensa persoal dirixido a vítimas de violencia de xénero

En Ourense hai 543 casos casos activos rexistrados no sistema Viogén

San Cibrao das Viñas | A Subdelegación do Goberno en Ourense organiza, en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, cinco talleres de defensa persoal dirixidos a vítimas de violencia de xénero e impartidos por axentes especializados da Garda Civil e a Policía Nacional.

Esta mañá tivo lugar o primeiro deles no pavillón municipal de Pontenoalla, en San Cibrao das Viñas, no que as participantes aprenderon técnicas básicas de prevención e autodefensa para liberarse e poder escapar dun intento de agresión machista.

Nas próximas semanas este mesmo taller terá lugar noutras localidades da provincia coa finalidade de facilitar a asistencia ao maior número posible de vítimas. Trátase dunha iniciativa de vital importancia dado as cifras actuais da violencia de xénero no noso país, con 543 casos activos na provincia de Ourense no Sistema Viogén neste momento.

A xefa da Unidade de Violencia Contra a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, Alida Iglesias, que estivo presente neste taller, destacou a importancia desta actividade e mostrouse clara ante esta problemática: “os casos activos son os datos que se ven, pero hai unha realidade encuberta, as cifras que non vemos, as mulleres que non denuncian, pero que forman parte deste conxunto”.