A Guarda | A Asociación Érguete Baixo Miño comezou a impartir diversos talleres sobre prevención das condutas aditivas no alumnado do I.E.S. A Sangriña de A Guarda –Pontevedra- e que se prolongarán ata o mes de febreiro.
Este programa denominado ‘Non Pasa Nada, ¿Pasa Algo?’ conta cunha ampla traxectoria de execución e ten moi boa acollida tanto por parte dos centros educativos como por parte das mozas e mozos.
Unha Educadora Social, con ampla experiencia nesta área, será a encargada de impartir estes talleres dirixidos, nesta ocasión, ao alumnado de 3º da ESO e FPB do instituto.
A finalidade destas actuacións é reducir a incidencia dos diversos problemas sociosanitarios relacionados co consumo e/ou abuso de drogas, incrementando os factores de protección e promovendo a adopción de estilos de vida saudables.
Este programa está financiado pola Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos socias e socios da entidade.
Para máis información, invitamos ás persoas interesadas a achegarse ás instalacións de Érguete (r/Colón, 20 -Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda, visitar a páxina web www.erguete.org ou ben contactar nos teléfonos 986 61 44 17 / 640 08 63 76 ou no correo electrónico info@erguete.org.