Lugo | María Xosé Porteiro, escritora e xornalista, presentou en Lugo o libro TaménEu no que recolle unha escolma de setenta e sete traballos xornalísticos sobre o que ela mesma denomina “a revolución feminista”.
O título da obra lembra o hashtag #MeToo, que comezou a utilizarse en 2017 para denunciar os abusos sexuais no cinema estadounidense pero que acabou “eclosionando a nivel mundial cun movemento social que non tivo paradigma, que mobilizou a millóns de persoas e que axudou a visibilizar aínda máis que as violencias machistas existen en todas as clases sociais, en todos os sectores e en todas as idades”.
Por iso, incidiu Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, “debemos reivindicar a importancia e o enorme impulso que supoñe para o feminismo estes movementos sociais”.
A rexedora ensalzou a figura da autora do libro, María Xosé Porteiro, “que sempre apostou polo poder transformador da igualdade e pola súa importancia para o avance da humanidade; sempre abriu camiños e foi unha gran pioneira nos avances feministas”.
Porteiro lembrou que pertence “á xeración que viviu en primeira persoa os finais da segunda onda do feminismo, toda a terceira, e desde 2012, a actual considerada xa a cuarta”.
Afirmando que as viviu intensamente, como feminista e como xornalista. Na súa obra aborda aspectos coma os feminicidios, a linguaxe sexista, as multidiscriminacións de colectivos coma as mulleres con síndrome de Asperger, a trata e tráfico de mulleres para a prostitución ou o aumento da violencia sexual.
No acto de presentación, tamén participaron Carmen Díaz Simón, do Foro Feminista de Lugo; a prologuista do libro, Llerena Perozo, e o representante da editorial LAR_libros, Manuel López. Esta editora lucense inaugura con esta obra unha colección de opinión.
María Xosé Porteiro
Na longa traxectoria desta xornalista e política, actual VIcevaledora do Pobo, recibiu senllos recoñecementos pola súa labor a prol do feminismo: en 2019, co premio 1º de maio de CCOO, e en 2020, co Ernestina Otero, da Comisión das mulleres do concello de Vigo. Desde 2017 dirixe o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura (CDIF-CCG) e nesta xeira participou en numerosos estudos e investigacións desde a súa comisión de Igualdade.