A Coruña | Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, coñecidas polo seu grupo musical Tanxugueiras, protagonizaron a primeira das sesións desta terceira edición do foro
Pensando en Educación. Nesta edición as xornadas están orientadas aos retos que teñen as mulleres en diferentes eidos profesionais.
O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, foi o encargado de presentar o trío de cantareiras nun salón de actos da Fundación Paideia que estivo ateigado de público. Moderou o acto a xornalista Loreto Silvoso. Sabela, Aida e Olaia falaron das dificultades que tiveron como mulleres para desenvolver o seu traballo musical e das necesidades que existen no seu sector para acadar unha igualdade real.
A segunda sesión do terceiro foro Pensando en Educación terá como protagonistas á coruñesa Sofía Toro, campioa olímpica, mundial e europea de Vela e xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, e a defensa central do Deportivo Abanca, Raquel García, o próximo 30 de marzo.
Ofrecerá a terceira e última charla Isabel Blanco, comunicadora, actriz e produtora de formatos para televisión, documentais e pequenas ficcións e Mariana Carballal, docente, directora de cine, teatro, televisión e activista pola igualdade de xénero na cultura o 27 de abril. Moderarán as xornalistas Isabel Bravo e Lara Vivero.