A Coruña | Tanxugueiras rompe novos teitos para a música galega. Co lanzamento do seu novo sinxelo, TERRA, o trío de pandeireteiras superou, no primeiro día de publicación, as 500.000 escoitas nas plataformas dixitais.
O sinxelo, un canto á diversidade e ao recoñecemento da música de raíz galega, é a creación coa que Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro participarán o vindeiro mes de xaneiro no Benidorm Fest. A gañadora da cita participará, no mes de maio, no festival de Eurovisión.
Na xornada de lanzamento, TERRA acadou máis de 350.000 visualizacións nas plataformas de vídeo. Na principal canle audiovisual, Youtube, o video-lyrics -en cuxa estrea ao vivo estiveron presentes máis de 3.200 usuarias- superou as 320.000 reproducións.
Na mesma plataforma de vídeos estiveron presentes durante toda a xornada nos primeiros postos de tendencias en España, chegando incluso a posicionarse no número 1 en tendencias xerais na xornada do martes 21, e acadando esta mesma mañá o número 3 nas tendencias de vídeos musicais.
O éxito chegou tamén a outras canles e Tanxugueiras bateu récords propios en Spotify, sumando máis de 85.000 escoitas do tema nun só día; así como noutras plataformas dixitais nas que está dispoñible esta nova peza.
A boa acollida tamén tivo lugar en iTunes España: TERRA mantívose durante toda a xornada como número 2 e número 3 nas escoitas da plataforma de Apple, superando cancións de recoñecidas artistas internacionais e só por debaixo do mítico All I want for Christmas is you, de Mariah Carey.
Tanxugueiras quere agradecer a todo o público e medios de comunicación, particularmente de Galicia, o apoio e o cariño co que está a acoller TERRA e a súa aisistencia no Benidorm Fest.
O grupo participará mañá, ás 11.00 horas, na presentacion oficial das 14 candidaturas que participarán no evento promovido por RTVE. Na rolda de prensa as cantareiras darán a coñecer máis detalles da canción.