“TeaTrea” levará seis compañías teatrais a Ponteareas

Ponteareas | O Auditorio Reveriano Soutullo acollerá unha edición máis o Ciclo de teatro ‘Tea Trea’, no que participarán en total seis compañías de teatro durante os meses de outubro e novembro.

O grupo Tro Tea Tro será quen inaugure este ciclo o domingo 13, ás 18:00 horas, coa
obra “Mambrú volveu da guerra”. A seguinte fin de semana haberá dobre cita. O sábado 19, ás 20:00 horas, o grupo Pena do Equilibrio, representará a obra ‘Día Dixital’ e o domingo 20, ás 18:00 horas, o grupo Os Serodios, interpretarán “Sete mulleres para un home”.

No mes de novembro chegará o grupo Ponte Caneiro coa interpretación de “As cousas do pobo”, o domingo 2, ás 18:00 horas. O sábado 9 de novembro, ás 20:00 horas, Todos Xuntos representará “Pechamos portas” e os encargados de clausurar este ciclo serán os integrantes de Pedra do Cabalo, coa súa obra “Avós de gardería”, o domingo 17 de novembro, ás 18:00 horas.

Ademais, dentro deste ciclo estará enmarcada a actividade “O teatro da memoria” un
obradoiro para maiores de 16 anos, que terá lugar o sábado 19 e 26 de outubro, de
11:00 a 13:00 horas, no auditorio municipal. As prazas para este obradoiro son
limitadas e os interesados poden inscribirse enviando un correo a departamentocultura@ponteareas.gal.

O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, destacou que “estamos desexando
ver as novas obras que teñen preparadas os seis grupos participantes. O ciclo ‘Tea
Trea’ é moi especial e fan un gran traballo. Non sei con que nos sorprenderán este
ano, pero estou seguro de que transmitirán a súa emoción e ilusión a todos os
asistentes”.

“Por iso animo a todos os veciños e veciñas de Ponteareas a que se
acheguen ao auditorio durante os dous meses para valorar o seu traballo e dedicación
e porque sei que o pasarán moi ben”, concluíu o concelleiro.