Mos | Con máis ilusión que nunca e tras o parón debido á pandemia , o Grupo de teatro “Mulleres en Igualdade de Mos“ representará este domingo, día 19 de decembro, ás 18.00 horas, no auditorio do Centro Dotacional de Torroso “OS SENTIMENTOS XOGAN ÁS AGOCHADAS” unha adaptación de Paula Pier da obra de Susana Crespo inspirada no conto de Mario Benedetto “ Los Sentimientos juegan al escondite”
A entrada, solidaria deste espectaculo, que forma parte da programación de Nadal do Concello de Mos, será de 2 euros que irán destinados a MosAxuda para a compra de alimentos e xoguetes da campaña de Nadal.
Estas doce mulleres do grupo de teatro recalcan a importancia de apostar polo teatro. Declaran que está actividade organizada dende a concellería de Igualdade, lles axuda no seu día a día a superar complexos, a sacar forzas para solucionar problemas familiares ou simplemente a atopar momentos de evasión.
O grupo naceu en 2011 a través dun curso organizado polo concello sobre autoestima; a día de hoxe xa conta con guións e representacións de autoría propia, un gran mérito xa que ningunha delas é profesional do mundo escénico.
MosAxuda é un proxecto do Concello de Mos nacido en 2015 como unha organización de reparto directo de alimentos entre as persoas máis desfavorecidas do municipio e apoiado polos Servizos Sociais municipais.
Seguindo coa traxectoria e perseguindo a finalidade de prestar axuda e protección aos máis necesitados, solicitan nestes días a colaboración de todos os veciños e veciñas, centros educativos, empresas, asociacións… nesta campaña de nadal 2021 que ademais é unha campaña especial, debido á situación que viven moitas familias despois do COVID-19.