Monforte de Lemos | O teatro volve esta semana a Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo equipo de goberno para o segundo semestre do ano 2023.
Deste xeito, dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este xoves 30 de novembro ás 20:15 no edificio multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos Contos Arraianos, da compañía Sarabela Teatro, obra bra coa autoría de Xosé L. Méndez Ferrín, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda e cun elenco artístico de Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fran Lareu, Sabela Gago, Fernando González, Vadzim Yulnevich e Fina Calleja. É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
Na fronteira, liña invisible entre a Galicia interior e o norte de Portugal; de brétema, chuvia, neve onde se funden a realidade e a ficción; a vida e a morte. Entre o misterio e os impulsos da terra. Entre o ser humano e as forzas da natureza. Entre o poético e o mítico, alén da xeografía. No límite da fantasía.
A idea de fronteira, da liña divisoria, punto de escisión e de unión, lugar de encontro e separación. Espazos vitais nos que os límites non só físicos, están na condición humana, no que de verdade nos converte en arraianos.
En Arraianos, Ferrín crea un novo mundo mítico, a Raia, con 10 relatos literarios dos que nós eliximos e transformamos en escénicos dous: “Medias azuis” e “Lobosandaus”. Arraianos é unha suma de relatos excelentes que estremecen e fan deambular por mundos nos que transitan o erotismo, o misterio, a miseria, a conciencia, e a grandeza de alma e de vida. Historias de meigas, contrabando, caciquismo e agrarismo.
Temas inquietantes, extraordinarios e fermosos. Universos ateigados de cadencia, fondura e emoción. Dunha beleza inmensa e ao tempo terrible e evocadora, Ferrín consegue reconciliarnos coa maxia da súa delirante maneira de describir o mundo.
A crítica di da prosa de Ferrín: engaiolante, poética, musical, vigorosa e tradicional, capaz de transportarnos a calquera momento ou universo e facernos parte da historia que pretende contar, sexa cal sexa. Grazas a ese estilo máxico, mergullámonos nas súas tramas coa suficiente ilusión como para deixarnos atrapar por cantas historias se nos ofrecen.
A seguinte obra programada plo concello de Monforte, dirixida para público infantil e familiar, será The show moscón de Galitoon que terá lugar o domingo 3 de decembro no multiusos ás 18:00 h, sendo a entrada de 5 euros a xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.