Santiago de Compostela | Camilo Franco (Ourense, 1963) conversa con Novas do Eixo Atlántico sobre a Semana de Libros en Compostela (SELIC). A edición deste 2021 pensa sobre a lectura, os xeitos e as vías de acceso aos textos escritos. Tamén sobre como os novos soportes crearán, supostamente, novos estilos de lectura o mesmo que se crearon estilos de escritura. Outra das novidades é a non presentación de libros, senón a creación de eventos arredor dun título, onde a autora ou autor lean parte da súa creación creando un espectáculo arredor das súas páxinas.
Cales foron as motivacións da SELIC así como os obxectivos da mesma?
Esta xa é a quinta edición da SELIC e en parte a intención é mostrar a potencia editorial e libreira de Santiago. Queríamos mostrar Santiago como unha cidade que ten librarías e editoras, lectores e lectoras, autores e autoras, por tanto, ten os trazos definitorios dun sector editorial. Así pois, a idea inicial era demostrar que en Santiago hai unha industria editorial e por tanto, queriamos mostrar cada ano as novidades, as ideas e os argumentos que ten Compostela para ser unha cidade de libros. Agora nesa quinta edición hai unha pequena viraxe na idea do festival, conservando a idea inicial queriamos mostrar esta cidade como un lugar de lectura que é unha das actividades máis importantes da especie humana. É un comportamento que pasou de ser aprendido case a instintivo, pois unha vez que aprendes a ler xa o fas case instintivamente con todo canto se che achega aos ollos. A partir de aí e conservando todas as características que a definen como espazo de contacto entre mundo editorial e lectores, facemos unha reflexión sobre por que lemos, como lemos e sobre que lemos. Logo disto, calculamos que a lectura aumentou de maneira exponencial. Parece que durante a situación actual (COVID) o acto da lectura parece afianzado sobre calquera tipo de soporte como son as RRSS por exemplo.
“Queríamos mostrar Santiago como unha cidade que ten librarías e editoras, lectores e lectoras, autores e autoras, por tanto, ten os trazos definitorios dun sector editorial”
A lectura en soportes electrónicos, sobre todo en RRSS, pode traer novos hábitos?
Iso pode traer novos comportamentos ou maneiras de lectura como acto cultura. Agora tamén estamos pensando cara o futuro pois queremos mostrar a SELIC como un festival da lectura. Iso si, conservando todo aquilo que a define como cita do sector editorial compostelán mais mirando cara esa parte de “imos mirar cara a lectura”. Dentro dese espazo están incluídos os e as autoras, , as editoras e os intermediarios que haxa e desde logo, os e as lectoras, a parte máis importante.
Aínda que falas das RRSS como vía de acceso á lectura, hai quen segue a dicir que a mellor lectura é en papel.
Ese é un debate moi entretido pero que non é tan importante. Eu diría, a televisión non matou a radio, a televisión non matou o cinema. Eu creo que os novos soportes amplían, non é cuestión de poñerse a decidir aquilo que fai cada un en cada caso. Non é cousa de tomar unha decisión por todos, senón que haberá xente que lea en papel perfectamente, haberá quen lea nos dispositivos electrónicos dixitais como é o móbil e haberá quen non queira ler nun dispositivo electrónico. O importante é que o ou a lectora teña a oportunidade de decidir. O común a todas estas decisións é o acto de ler. Desde a SELIC e para todo o mundo iso é o importante, o definitivo e sobre o que temos que reflexionar, pois agora mesmo non lemos como hai tres anos. Temos moi estudados os cambios na literatura mais non os cambios na lectura. Ese será un argumento para a SELIC durante os vindeiros anos. En canto os soportes, dificilmente poderemos evitalos.
Evolucionarán máis aínda os soportes?
Creo que haberá unha especialización de soportes segundo o tipo de lectura, da mesma maneira que despedimos as enciclopedias como produción bibliográfica por haber unha oferta tecnoloxicamente superior. Creo que será máis difícil dicir o mesmo de libros ben editados. O libro en papel debe irse repensando segundo evoluciona o mercado e os acontecementos.
“O libro en papel debe irse repensando segundo evoluciona o mercado e os acontecementos”
A programación da SELIC tamén inclúe artistas doutras disciplinas. Cal é o nexo destes artistas coa animación e o acto de ler?
O que busca a SELIC ademais da interacción entre autores e autoras con lectores e lectoras, tamén é crear algúns eventos que nos saquen da idea, case superada, da presentación de libros. En vez de facer presentacións de libros, que non é o cometido dun festival, facemos eventos xerados a partir de determinados círculos. No caso, por exemplo, de Paula Carballeira e Alfonso Espiño, cada un deles creou un libro. No caso de Espiño é un repaso dos grupos de música pop que houbo en Compostela nos anos 60 e 70, repasando todas as bandas de diferentes estilos e o que fixemos foi crear un concerto con parte das cancións que el cita no libro, cancións de bandas locais. É un concerto que ten por centro o libro de Alfonso Espiño Compopstela. No caso de Paula Carballeira, publicou un libro con Através Editora, onde ella fala da maneira de contar. Pareceunos que volvendo a ter un libro dentro dunha actividade, habería unha nova actividade. Creamos eventos a partir de libros sen que sexa a presentación dun libro.
Ademais da evolución en soportes para lectura, evolucionará a creación literaria con cada autor ou autora presentando o seu traballo con seu “acento” persoal, cos seus “ticks” persoais como cando falan?
Espero que si, espero que estea sucedendo xa. En parte, antes iso se chamaba estilo e que cada autor e autora debe conservar as súas peculiaridades. Realmente eu creo que existen dous tipos de lectura. Unha con ticks máis xenéricos e te recoñeces neles, que ofrece o recoñecible. Logo hai outra lectura que busca o estraño. Estes dous estilos conviven xuntos.
“Creo que a xente nova está máis cerca da lectura do que din os titulares”
Que esixe a xente máis nova cando busca algo para ler?
Creo que a xente nova está máis cerca da lectura do que din os titulares. A cuestión é que ao mellor tardamos en recoñecer cales son os intereses da mocidade. Hai un efecto desde os 1960 para acó convertiuse nun campo comercial moi interesante. Mais cando o comercio substitúe intereses por demanda, a percepción sobre a xente nova é máis imprecisa. A xuventude ten intereses moi variados e aquilo que non lles gusta son as prescricións. Aquilo que funciona son as cousas que se recomendan entre eles.