“Temos unha teima especial: medrar en influencia dentro do mundo relixioso de Galicia”

Manuel Regal Ledo | Membro da Mesa de Redacción da revista Encrucillada

Creada en Pontevedra o 1º de maio de 1994, a Asociación Encrucillada é unha entidade cultural sen ánimo de lucro. Publica desde 1977 a revista “Encrucillada” de reflexión teolóxica e cultural en Galicia. En novembro pasado emitiu un manifesto revelador sobre a ineficacia das políticas lingüísticas para promover o galego. O seu colaborador e membro da Mesa de Redacción, Manuel Regal Ledo, atendeu as nosas preguntas.

Entre os obxectivos da Asociación están “promover a lingua e a cultura galegas cunha perspectiva humanista” e “impulsar o diálogo entre a fe e a cultura”. Que iniciativas consideran deben afianzarse para cumprir con esas expectativas?
Desde o primeiro número en 1977 ata o último do setembro pasado (nº 238), a revista publícase integramente en galego, atendendo aspectos que afectan a realidade lingüística e cultural de Galicia. Cada outono a Asociación Encrucillada celebra tamén un Foro. A nosa visión humanista parte, en concreto, de algo moi simple e fundamental: temos unha identidade como pobo, como universo cultural e mesmo tamén relixioso, froito de millóns e millóns de persoas galegas que durante séculos foron facendo o que somos, con persistencia, con orgullo, mesmo sufrindo desprezos de todo tipo. Entendemos, polo tanto, que a lingua e a cultura galegas son un ben común que non debería ser motivo de belixerancia entre partidos políticos. Temos unha teima especial: medrar en influencia dentro do mundo relixioso, eclesial, de Galicia, para que neses ámbitos se dean pasos claros, se superen reticencias e se chegue a considerar que a fidelidade á propia cultura, ao propio ser, é mesmo unha esixencia da nosa condición de persoas cristiás.

En novembro, a Asociación emitiu un manifesto no que advertía da “ineficacia das políticas lingüísticas adoptadas para a conservación e promoción do uso do galego”. Qué medidas consideran deben levarse a cabo para incentivar a normalización lingüística?
Sobre a ineficacia desas medidas abonda con ler os resultados da enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) do outubro pasado. Unha medida primeira e moi sinxela: quen nos goberna debe manifestar paixón, sentimento en canto ao galego e nunca percibimos iso. Parece como que se poñen fóra do asunto.

“O que se está consolidando é unha derrota moi traballada do galego por quen ía tendo o poder”

Outra medida sería unha revisión da presenza do galego na TVG especialmente para a infancia e a adolescencia e elaborar material axeitado que puidese circular polas redes. Tamén que na asignatura de historia teña Galicia unha presenza específica e na clase de galego se dea unha información veraz, equilibrada, xusta, do desenvolvemento da nosa lingua, da marxinación sufrida, da normalización da mesma como unha máis dentro do Estado español. E que se dean pasos para chegar a un acordo entre partidos políticos e grupos culturais interesados e preocupados pola situación tan ameazante para a pervivencia do galego.

Medios oficiais reflectidos na enquisa IGE aseguran que en Galicia “está consolidado un modelo harmónico entre o galego e o castelán”. É isto certo ou estamos máis ben presenciando a progresiva consolidación dun modelo hexemónico a favor do castelán?
O que está consolidado son os efectos de centos de anos machacando o galego e a quen o defendía baixo a idea de que “o galego é de paifocos, non vale para nada”. O que se está consolidando é unha derrota moi traballada para o galego por quen ía tendo o poder, e, certamente, aceptada en boa medida por quen foi asumindo eses argumentos. Falar de ”modelo harmónico” é un insulto porque a desharmonía vén de lonxe, cando durante anos e anos, séculos, se estivo favorecendo descaradamente a unha parte. A legalidade, a harmonía esixe que esta parte maltratada sexa debidamente restituída con medidas que lle faciliten vivir orgullosamente en galego. E isto implica unha campaña, firme, razoada a prol do galego, sen políticas agresivas cara ningunha lingua.

“Falar de ‘modelo harmónico’ entre o galego e o castelán é un insulto porque a desharmonía vén de lonxe”

O manifesto indica tamén que “a Igrexa en xeral sempre se mantivo á beira da cuestión” sobre a normalización lingüística, propoñendo a elaboración “dunha enquisa seria que nos permitise ver ata onde o galego está excluído da Igrexa”. Está tan desasistida a nosa lingua nas misas e outras celebracións relixiosas?
Esa é unha percepción que temos e por iso, para poder falar con precisión, consideramos necesario facer unha enquisa, ou investigación seria ao respecto. É certo que sempre houbo cregos e frades apoiando o movemento pola lingua sobre todo a partir da primeira metade do s. XX, sen irnos xa ao P. Sarmiento (1695-1772), ao cura de Fruíme (1698-1777) e outros clérigos máis. Pero foron sobre todo leigos os que botaron a andar a revista “Logos” (1931-36). Cando, a partir do Concilio Vaticano II (1962-1965), se permitiu que no canto do latín se puidesen empregar as linguas vernáculas, os bispos galegos optaron polo castelán, cando poderían poñer galego, ou en ámbalas dúas. E, unha vez máis foi un laicado relixioso galeguista o que pelexou para que o galego fora autorizado. E tamén foron persoas leigas as que fundaron a editorial SEPT en Vigo co énfase na edición do libro relixioso galego, empezando xa pola mesma Biblia. Leigas foron tamén –con algúns curas polo medio– as persoas que conseguiron en 1976 que o Concilio Pastoral de Galicia dictase unhas proposicións definitivas moi esperanzadoras sobre o uso do galego na liturxia.

Un ano antes (1975) o bispo de Mondoñedo-Ferrol Miguel Anxo Araújo Iglesias publicara unha carta senlleira titulada “A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega”, na que por primeira vez na nosa historia un xerarca católico urxia, razoando sabiamente, ao emprego da lingua galega na práctica eclesial. E houbo unha activación desta aposta pola lingua na Igrexa galega. Fóronse publicando a Biblia, os Leccionarios, o Misal, diferentes rituais; o equipo interdiocesano ofreceu en galego unhas catequeses que mesmo foron traducidas ao castelán. Un grupo de cregos de Mondoñedo-Ferrol botou a andar “Boa Nova”, unha iniciativa que ofrecía materiais para a liturxia en galego. No 1977 nace “Encrucillada”, revista galega de pensamento cristián, e no 1981 nace tamén a revista IRIMIA, revista de crentes galego/as que vai no número 1.063, que aposta igualmente pola normalización da lingua.

“É certo que sempre houbo cregos e frades apoiando o movemento pola lingua, sobre todo a partir da primeira metade do século XX”

Pero nin todos os cregos nin todas as dioceses fixeron tal aposta. Non se fixo un plan serio, ordenado, compartido polas diferentes dioceses, para conseguir a normalización do galego na liturxia católica. Co Papa Xoán Paulo II deuse en certo modo unha volta atrás na liña de pensamento e de acción da Igrexa. Na formación dos seminaristas non se lle deu importancia á cuestión da lingua, e os cregos novos que saían en xeral non demostraron aprecio polo galego. Se alguén debera ser sensible á marxinación que houbo e segue a haber cara a unha colectividade esa debera ser a Igrexa, se tomase en serio iso de arrimarse ao débil, identificarse con el e defendelo. Calquera crente que o desexe atopará serias dificultades para compartir unha Misa en galego en calquera das cidades, e mesmo vilas galegas. No rural será máis doado.

Tamén advirten que, ante “a escaseza de clero, estase favorecendo a presenza de curas sudamericanos” distantes coa realidade social, cultural e lingüística galega. Como consideran pode reverterse esta situación?
O que comprobamos día tras día é que, ante a escaseza de clero en xeral nas cinco dioceses galegas, recíbense como “pans caídos do ceo” os curas estranxeiros que queiran colaborar na atención relixiosa, ben porque están aquí estudando e temporalmente poden compatibilizar os estudos coa atención pastoral, que lles dá recursos económicos; ben, porque deciden quedarse máis ou menos definitivamente aquí. Isto non tería especial problema se as cousas se fixesen con certa prevención. Normalmente cando os nosos curas ou relixiosos e relixiosas ou segrares ían de misión a países estranxeiros (África e América sobre todo), esixíaselles un tempo longo de preparación que, entre outras cousas, supoñía un coñecemento da lingua, da cultura, da realidade social, económica, política, eclesial, do lugar a onde ían desempeñar a súa función. Pero aquí, nos casos que comentamos, nada disto se esixe. Ante a necesidade case non hai esixencia ningunha. Chegan, non coñecen nada a nosa realidade, tampouco, por suposto, a lingua, e normalizan aínda máis que todo sexa en castelán, por moito que antes nalgunha parroquia puidese estar normalizado o galego. É algo incomprensible.

“Aos curas estranxeiros propoñemos que veñan con actitude humilde, con ganas de coñecer, de aprender, de empatizar coa realidade humana, social, lingüística da nosa Terra”

Que propoñemos? Simplemente o que sempre se fixo: que veñan con actitude humilde, con ganas de coñecer, de aprender, de empatizar coa realidade humana, social, lingüística da nosa Terra; que se lles esixa isto e que se lles faciliten os medios para que se poidan situar así. Que poidan estar acompañados e ensinados por outros curas ou axentes de pastoral. E isto incluso pode pasar cos bispos que de fóra nos veñen acompañar como animadores das nosas dioceses. A condición lingüística das nosas dioceses é cando menos o bilingüismo, e este bilingüismo deben aceptar, acoller, amar, respectar, servir, buscando os medios para poder facelo.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.