“Tempo atrás” dará a coñecer a historia de Salvaterra

Este 7 de setembro da man do grupo Dramiño Teatro

Salvaterra de Miño | O grupo de teatro Dramiño, trae un novo espectáculo, con textos orixinais e máis de 40 actores e actrices en escena. Salvaterra de Miño e o seu recinto amurallado acollen o sábado 7 de setembro, a partir das 18:00 horas, o evento final do verán cultural da vila.

O novo proxecto de Dramiño Teatro, que leva por título “Tempo Atrás: Unha viaxe pola historia de Salvaterra”, é un paso máis dentro das propostas escénicas que leva ofrecendo o grupo nos seus dous anos e medio de actividade.

Sen perder a orixinalidade que lles caracteriza, pois todas as súas obras son inéditas e escritas por un dos seus integrantes, Ángel Vidal, agora aspiran a ampliar o espazo escénico para ocupar toda a muralla nun roteiro histórico que promete ser “algo nunca visto na nosa vila”. Fai cousa dunhas semanas, Dramiño publicaba nas súas redes o trailer oficial, filmado pola tamén veciña, Paula Pereira, onde deixaban algunha pista sobre o que poderemos ver o día 7.

Máis de 40 actores e actrices forman o elenco deste espectáculo inmersivo que ten como obxectivos principais a concienciación, a preservación e a posta en valor do patrimonio e da historia da vila de Salvaterra. A experiencia busca ser o máis personalizada posible, por iso o acceso ao espectáculo realízase mediante grupos. Xa quedan moi poucas plazas dispoñibles para o evento, pero calquera que esté interesado pode anotarse de balde na Biblioteca de Salvaterra de Miño ata completar o aforo.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.