Como acontece en case todas as eleccións, sempre hai sorpresas que chaman moito a atención. Pois uns grupos melloran os resultados e outros minguan, ou se o prefiren fenecen. Mais nestas derradeiras Europeas a sorpresa maior dunha candidatura que, polo nome, parecía ser unha chanza mais ca un proxecto político. Ben sei que a política ten moito de saber falar e convencer ós votantes. Ten moito de saber vender o que propós e ate de engaiolar ós cidadáns acudindo á tocarlle fibra das emocións que sempre camiñan á contra de sopesar as propostas e, en resumo, van á contra do sentido común e a racionalidade.
Mais nunca pensei que propondo fume e contando catro trolas podería chegarse tan lonxe. Con todo e cós anos que levamos de democracia tampouco maxinei que un charlatán dicindo e berrando catro cousas e sin ter un partido de apoio engaiolara a oitocentos mil votantes. Afirmo que tampouco pensei que, o tempo dos predicadores que circulan por ises países onde as sectas relixiosas teñen moita acollida, poderían ter un espazo neste solar peninsular.
A antipolítica parece que se abre camiño facendo a súa propia política. Ou sexa: desprestixiando todo o que hai e que nos trouxo con moitas luces e tamén algunhas sombras ate onde hoxe estamos. E iso lévame a que todos temos que asumir certos erros como sociedade. Todos, como humanos, temos que sopesar un chisco máis a crítica pouco reflexiva e moi dura que camiña sen facer propostas serias, razoadas e argumentadas, e que soamente desfai sen aportar ren. Esa crítica que non ten nada positivo mais que envelenar a vida colectiva como obxectivo.
“A antipolítica parece que se abre camiño facendo a súa propia política. Ou sexa: desprestixiando todo o que hai e que nos trouxo con moitas luces e tamén algunhas sombras”
Aceptar solucións que semellan ser moi sinxelas nun mundo tan complexo e interconectado por moitos intereses é un grande erro. Polo que matinando sobor dos que votan a esas opción de chiste venme á memoria un tema que penso que non é menor e que moi pouca xente lle da a importancia que merece.
Estou a falar da transmisión de información e das experiencias no seo familiar que é onde se cocen e se aprenden moitas cousas positivas; que é onde se labra e pule a personalidade do individuo e a forma de actuar na vida da xente. Pois ben, a día de hoxe acontece que moitos rapaces e adultos que escoitan nesas opcións o seu berro de protesta, e que as ven como unha saída e solución ós seus problemas, descoñecen moitas cousas do noso pasado. E pesan que vivimos nunha sociedade que soamente ten defectos. Mais esquécense que pra chegarmos a ela houbo moito traballo e esforzo. Pois non se acadou o nivel de vida actual por casualidade si non fora co esforzo dos proxenitores e da colectividade.
O momento actual cos seus problemas é moi complexo. Mais que ninguén espere solucións milagreiras como predican eses persoeiros.
Polo que, os que viven pensando que só teñen dereitos e non obrigas, van de lado. Os que viven crendo en solucións populistas eu diría que son uns cabreados e uns inmaduros. Pois estamos nunha sociedade, nun mundo, que nos di que todo está ó alcance da nosa man sen esforzo e traballo, e iso é un grande erro. Por eso o dito lévame a afirmar que: Aquel que non sabe do seu pasado; que o descoñece e ignora, nin sabe de onde ven, non entende o presente, e menos poderá maxinar ou aproximarse a como será o futuro.
“O estado de benestar e a democracia (…) corren un grande perigo”
O estado de benestar e a democracia, por mor de moitas cousas actuais como a circulación de trolas e medias verdades interesadas na desinformación e na antipolítica, corren un grande perigo. Pois a manipulación escápase ó control da racionalidade, e eso lévanos camiño dunha verdade ficticia, falsa e perniciosa para a sociedade. Unha falsedade que ven da man dos predicadores e charlatáns populistas que propoñen solucións sinxelas e drásticas e que non son nada máis ca un perigo para a democracia. Lembrar o que trouxo o nazismo e o fascismo nesta vella Europa pode facernos reflexionar a todos.