Moitas veces a xente cre o que din os xornais, o que falan as noticias da radio e da televisión. Suple o xuízo gratuíto dos “faladores” destes medios polo seu xuízo, e o dos “faladoiros” oportunísimos, a cambio do razoar compartido cos seus, cos do arredor. O común da xente, xa evita emitir os seus razoamentos e adoita saber o que lle din os medios, sen pensar que moitas veces todo iso que nos din está moi preparado, feito para conducirnos, para levarnos facéndonos dependentes das súas ideas. Por outro lado, son as macabras ideas de dominio que nos amansarán capaces de tragar rodas de muíño. Sucede así desde a noite dos tempos, sucede porque acapararon moito poder, excesivo poder. Mandaron cerrar outros medios de opinión que molestaban, os diferentes, quedan algúns residuais e mínimos. Mercaron a información veraz para silenciala, como unha mercadoría. Limitaron a chamada “liberdade de expresión” a unha expresión fugaz e clandestina de minorías. Si, así foi, fano e fixérono porque manexan aos “opinadores” que xorden a cada intre, en cada nova entrega, en cada xornal que sae a dar noticia. A cambio, subvencións, anuncios publicitarios, invitacións e participacións das exclusivas, membros da elite do sometemento masivo. Lévannos polo camiño que eles marcan previamente. É un modo de fracasar de toda a sociedade, na falsa palabra, na banalidade dun éxito que non existe nin posúen. A verdade lucirá, a pesar de eles. A verdade ha sinalalos co dedo fulminante da liberdade que nos negan, única semente capaz de garantir futuro. O verdadeiro agasallo da humanidade non é a uniformidade de ideas, non, é a variedade múltiple de podernos entender, sabernos diferentes e de entendernos. A esta lección non chegaron aínda os gobernantes, pásalles igual que aos medios que espallan as súas proclamas enganosas, non aprenderon das carreiras de fondo. Tampouco chega con aplicar cualificativos e descualificacións: populistas, arredistas, posdemocrátivos, ultradependentes, posverdadeiros ou posmentireiros, … eufonías da linguaxe maligna que, hoxe, agacha a verdade e transmite a pezoña propia, que tentan inocularnos. O tempo desenmascara o inapropiado dun sistema de poucos ricos e moitos pobres. Farao desde a comprobación da mentira, do abuso de linguaxes cheas de infundidos que restan lexitimidade a este modo impositivo que nos ocupa. Saben que a mentira contada en aberto non convence pero é quen de baixar as defensas e a esperanza, momentaneamente. Din que baixan impostos cando en realidade os soben. Din que non baixan pensións pero contráenas subindo gastos. Din que atacan a corrupción institucionalizada, pero negan –aos tribunais- as probas que os puideran incriminar e da que son protagonistas. Son eles, os mesmos que despois teñen a cara de dicir que os populistas son outros, aqueles que a eles os sinalan. É o seu modo de ser, habitan a farsa habilmente, fana transcender de tal xeito que son quen de falsear os dereitos constitucionalmente, sostendo a promesa de prometer nada ou de vendernos fume. En complicidade coas máis altas instancias do empresariado, bancos e do mesmo poder lexislativo. Así nos vai!.
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.