Este 2021 ten dado cabazas de mais á política exterior do goberno de Pedro Sánchez. En perspectiva, esta proliferación periódica de crises en materia exterior revela igualmente a falta de peso de España no contexto exterior.
Algúns incidentes revelan a falta de previsión de Madrid para atallar posibles problemas con socios estratéxicos non menos incómodos, como sucedeu con Marrocos en maio pasado, cando a entón ministra de Exteriores, Arantxa González Laya, permitiu no mais absoluto segredo a recepción en Logroño do líder da Fronte Polisario saharauí, Brahim Ghali, para unha intervención quirúrxica.
Marrocos respondeu a esa “afrenta diplomática” cunha crise migratoria en chave de chantaxe que rendeu os seus froitos. O incidente costoulle o posto a González Laya, peza sacrificada na remodelación do goberno de Sánchez en xullo pasado, sendo substituída por Manuel Albares.
“Case paralelo á crise con Marrocos foi o “affaire Biden”, aspecto que revela unha incomprensible obsesión do goberno de Sánchez por retratarse coa nova administración na Casa Branca”
Case paralelo á crise con Marrocos foi o “affaire Biden”, aspecto que revela unha incomprensible obsesión do goberno de Sánchez por retratarse coa nova administración na Casa Branca. A súbita abordaxe de Sánchez a Biden en xuño pasado nos pasillos do cumio da OTAN en Bruxelas foi ironicamente cualificado como o “cumio de 29 segundos” entre un Biden incrédulo e distante e un Sánchez que obraba case á desesperada.
A posterior visita de Sánchez a EE.UU, sen ser recibido polo propio Biden, confirma igualmente que, para a Casa Branca, España non xa é nin siquera un aliado estratéxico. A crise marroquí revelou a consistencia desta perspectiva: a Casa Branca amosouse publicamente máis condescendente con Rabat que con Madrid.
Como se non fora pouco, a visita de Sánchez a Letonia en xullo pasado levou a unha situación surrealista: un avión ruso invadiu o espazo aéreo letón con tintes provocativos, tan perto da rolda de prensa que Sánchez celebraba co presidente letón que o propio Sánchez, asustado, saiu correndo ante a incrédula mirada do seu anfitrión. Unha imaxe, cando menos, vergoñenta.
O rosario de infortunios da política exterior española non remantan aquí. En xullo tamén explotu a crise de protestas en Cuba, onde a inacción do goberno de Sánchez é manifesta. España debería ser o actor preponderante da política da Unión Europea en América Latina, pero fai tempo que perdeu esa capacidade de iniciativa.
“En xullo tamén explotu a crise de protestas en Cuba, onde a inacción do goberno de Sánchez é manifesta”
Sen saír de América Latina, a toma de posesión do presidente peruano Pedro Castillo supuxo un ataque frontal á colonización española no continente, sen acadar os pertinentes protocolos de diplomacia que obrigan a unha maior moderación, tomando en conta a presenza nesa cerimonia do monarca Felipe VI.
Esa perspectiva de revisionismo histórico baixo un contexto político tamén observouse coas críticas ao “colonialismo español” por parte do presidente nicaraguano Daniel Ortega, toda vez a ex ministra González Laya lle reprendera pola detención de líderes opositores no país centroamericano. Mais recentemente, o presidente mexicano Andrés Manuel López Obrador aproveitou a efeméride do 500º aniversario da conquista española de México para igualmente abrir o debate revisionista: España debe pedir perdón pola conquista de América.
“E, finalmente, Afganistán. Nin na Moncloa nin no Ministerio de Exteriores semella existir unha análise cabal das consecuencias do retorno Talibán ao poder no país centroasiático”
E, finalmente, Afganistán. Nin na Moncloa nin no Ministerio de Exteriores semella existir unha análise cabal das consecuencias do retorno Talibán ao poder no país centroasiático, nin tampouco da humillante derrota estadounidense, que cargará agora o propio Biden, o centro de atención da obsesión de Sánchez por sacarse a foto con el.
A repatriación a España do persoal diplomático, civil e militar español de Afganistán confirma a sensación de falta de previsión e de iniciativa por parte do servizo exterior español, toda vez os Talibáns xa viñan avanzando aceleradamente cara Kabul durante o mes de agosto e todo indicaba un fait accompli de que ocuparían o poder e darían curso a unha nova etapa.
Con todas estas crises e incidentes aínda en curso, compre preguntarse se España ten algún peso na política internacional. As reaccións a estas crises por parte de Madrid dan a entender falta de previsión e de perspectivas na acción exterior.