Santiago de Compostela | A sesión ordinaria do Consello de Goberno da USC prevista para o pasado 31 de maio no Centro de Estudos Avanzados debeu ser finalmente suspendida polo propio reitor Juan Viaño, ante a presión de 35 persoas que se identificaron como membros da “Asemblea internacionalista do estudantado e da clase traballadora”, e que impediron o acceso aos membros do órgano de goberno.
O pasado 14 de maio constituíse esta Asemblea solidaria coa defensa da causa palestina e en contra da “ofensiva sionista de ocupación, colonización, apartheid e limpeza étnica” e do “xenocidio en curso na Franxa de Gaza”, tal e como reza o seu documento fundacional.
O centro do activismo desta Asemblea estaría localizado na Facultade de Xeografía e Historia da USC, onde un total de 43 investigadores asinaron un manifesto para apoiar a acampada estudantil a favor do pobo palestino. Isto levou a unha situación de tensión co Decanato desa Facultade, que os activistas tildan de “hostigamento”.
Segundo fontes informativas, o propio decano, Marco V. García Quintela, amosou en principio o seu apoio á protesta pero, co paso das semanas, o clima volveuse máis tenso cos estudantes que impulsan a acampada acusándoos de “romper calquera posibilidade de convivencia”.
No caso do Consello de Goberno da USC, trala suspensión da súa xuntanza ordinaria, o reitor anunciou a convocatoria dun diálogo coas diferentes instancias do goberno e da representación do estudantado para alcanzar un consenso..
A Asemblea
No seu documento fundacional, esta Asemblea afirmou a súa aceptación das directrices da PACBI (a Campaña Palestina para o Boicote Académico e Cultural a Israel) e as demandas históricas do pobo palestino esixindo ao Consello de Goberno da USC unha serie de demandas.
Entre estas esixencias destacan o “recoñecemento público de que Israel está realizando un xenocidio en Palestina”; pedindo a “condena explícita” da “destrución deliberada das universidades palestinas na franxa de Gaza”; a finalización da colaboración con todas as universidades, institucións académicas e centros de ensino asociados públicos ou privados israelís; a formación dun grupo de traballo específico que investigue todas as posibles relacións institucionais entre a USC e entidades que violen os dereitos do pobo palestino; a suspensión de acordos comerciais con todas as empresas que financien a industria armamentística israelí, sinalando a HP, Siemens, AXA, Carrefour e o Banco Santander, ademais de pechar o CESEG e romper con calquera convenio co CESEDEN (Ministerio de Defensa), ou con calquera outra institución que promova a cultura da guerra.
Tamén exisen que a USC destine recursos económicos do gasto das colaboracións institucionais con Israel na colaboración coas universidades palestinas; o impulso das colaboracións entre o profesorado da USC coas universidades de Gaza, establecendo convenios coas universidades palestinas e as universidades en Gaza; a retirada do recoñecemento á filósofa israelí Martha Nussbaum en decembro do ano pasado; a visibilización do apoio oficial a Palestina a través do izamento da bandeira palestina; a creación dunha Cátedra por Palestina que será susceptible de expandir os seus eidos de estudo aos procesos decoloniais doutros pobos, coma o saharaui; e finalmente, e seguindo o exemplo da Universitat de Barcelona, cree un portal de transparencia público para a rendición de contas.