O Carballiño | Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, destacou a forte aposta de Galicia como potencia termal cunha gran oferta turística de calidade, no marco da inauguración do curso da Universidade de Vigo “Termalismo e cosmética termal”, que ten lugar na casa da Cultura do Carballiño.
Merelles indicou que o turismo termal ofrece o que os turistas demandan hoxe en día, un turismo tranquilo e sen masificacións, de aí o auxe na nosa comunidade deste tipo turismo. “Grazas a todo iso, a día de hoxe Galicia é un dos principais destinos termais de España, o que axuda enormemente á desestacionalización do turismo na nosa comunidade”¨, destacou..
Durante a súa intervención, amosou o compromiso do Goberno galego co termalismo, co Plan de Vilas Termais e Cascos Históricos que pivotará arredor do desenvolvemento do termalismo galego como un elemento diferencial da oferta turística galega que permita o desenvolvemento de zonas rurais e de destinos urbanos a través dunha oferta turística única e de calidade. “A nosa terra está considerada como un dos principais destinos termais de España e tamén no eido internacional, xa que é o segundo lugar de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais, con máis de 300, alunhas das cales deron lugar aos 21 balnearios dos que podemos desfrutar”, indicou o director de Turismo de Galicia.
Xosé Merelles explicou que “dende a Xunta puxemos como unha das nosas liñas primordiais de actuación as augas termais, impulsando o termalismo como elemento dinamizador socioeconómico do territorio, cunha xestión turística máis sustentable”.