Termatalia 2024 recibirá en Ourense a empresas e profesionais do turismo de saúde de 25 países

A Feira de Turismo Termal e Saúde celebrase os días 26 e 27 de setembro

Ourense | Termatalia afronta a súa edición máis profesional apostando polo negocio no turismo termal e pola formación especializada aos que se sumarán, como é habitual, área expositiva e as actividades dirixidas ao público xeral.

A 22ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar celébrase en Expourense os días 26 e 27 de setembro convocando a expositores, almacenistas de viaxes, expertos en termalismo e medios de comunicación de 25 países aos que se suman visitantes profesionais acreditados que acudirán fisicamente ao vento e asistentes virtuais ao congreso procedentes doutros 20 países diferentes, sumando un total de 45 países representados directa ou indirectamente na feira.

A nova edición de Termatalia foi presentada esta mañá en Expourense nun acto ao que asistiron o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; o deputado de Turismo, Termalismo e Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; o vicerreitor do Campus Auga-Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo; e o director xerente de Expourense e director de Termatalia, Rogelio Martínez. Todos eles destacaron que Termatalia é un perfecto exemplo de cooperación público-privada que contribúe a promocionar e posicionar o termalismo ourensán e galego no mapa internacional.

Merelles, anunciou ademais que se han destina 23 millóns de euros dos fondos Next Generation para o “Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Vilas Termais e centros históricos” do que poderían beneficiarse máis de 50 concellos de Galicia e que supoñerá “un novo impulso para o termalismo en Galicia como non se facía desde hai anos. O termalismo en Galicia iniciará unha nova era de florecemento”.

A 22ª edición de Termatalia preséntase como cita presencial e como gran punto de reencontro da comunidade termal internacional. Conta coa participación de 100 expositores (empresas representadas) de Europa e América e Asia.

Conta coa presenza directa de 25 países (Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, Estados Unidos, Hungría, Israel, Italia, Lituania, México, Panamá, Polonia, Portugal, Romanía, Serbia, Suecia, Suíza, Tailandia, Taiwan e Uruguai.