Ourense | Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, participou en Ourense na clausura da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar Termatalia que este ano volveu ser punto de encontro do sector termal internacional nunha edición especial na que se analizaron os desafíos do termalismo trala pandemia.
A directora de Turismo destacou o liderado de Galicia e, especialmente da provincia ourensá, no segmento do turismo termal e de saúde, grazas tanto aos seus recursos endóxenos como á oferta turística de calidade desenvolvida arredor deles.
Castro, que participou na entrega dos premios da 18ª Cata Internacional de Augas coa que remataba o encontro, destacou o valor desta feira como exemplo de cooperación público-privada e interinstitucional, “xogando un papel fundamental na promoción internacional de Ourense e Galicia como destinos termais”.
Ao tempo que resaltou a necesidade de avanzar no desenvolvemento de novos produtos adaptados ás necesidades do turista poscovid, que busca un estilo de vida saudable e sustentable e experiencias innovadoras.
As xornadas celebráronse presencial e virtualmente, reunindo a máis de 72 expertos de 12 países que abordaron as novidades no ámbito científico vencelladas ao termalismo e á covid-19, a vinculación entre termalismo e Camiño de Santiago.
Ademais, celebráronse encontros profesionais orientados á comercialización e ao deseño de novas ofertas, buscando a colaboración entre as diferentes empresas e avanzando, en definitiva, cara a un sector máis profesional e moderno.